Axudas para as axencias de viaxes por valor de 3,6 millóns de euros

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou  nunha reunión con representantes de asociacións de axencias de viaxes galegas que este mesmo mes saíra publicado no DOG as axudas para as axencias de viaxes por valor de 3,6 millóns de euros co obxectivo de garantir a súa liquidez, crear novos paquetes turísticos e promocionar o Xacobeo.

As axudas enmárcanse no Plan de choque para o sector turístico, dotado con 35,7 millóns de euros, que inclúe, entre outras medidas, o seguro de coronavirus, que cubrirá os custos sanitarios, de transporte e aloxamento que se deriven da posible situación de contaxio de covid-19 dun viaxeiro e/ou o seu acompañante. Ademais, conta con outras actuacións de incentivos ao consumo, como a renovación do Bono Turístico, con 6 millóns de euros; e a reedición do programa de promoción do turismo interno Elixe Galicia, con 1,3 millóns de euros.

A primeira das liñas de axuda para as axencias de viaxes conta con 1,2 millóns de euros destinados a gastos de alugueiro/prestamos hipotecarios. A segunda das liñas é para colaborar no financiamento de seguros de caución, creación de produto e transformación dixital dotada con 2,4M€ . As bases das axudas serán consensuadas previamente con representantes do sector da nosa comunidade.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou que con estas medidas o Goberno galego continúa a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e a axudar ao sector para reactivar o consumo,ademais a súa posta en marcha está encamiñado a recuperar a confianza do viaxeiro. As novas actuacións do Plan de choque engádense ás levadas a cabo nestes meses para poñer en marcha nos establecementos do sector turístico tódolos protocolos de prevención ante a covid-19 cos que garantir a seguridade dos visitantes, o que permitiu á comunidade resistir mellor o descenso de afluencia nos meses de verán.

A Xunta xa vén colaborando desde o inicio da pandemia para paliar os problemas de liquidez das axencias de viaxe e a turoperación, a través de convenios coa Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi), ás que apoiou con 500.000 euros para poñer en marcha medidas do programa Galicia Destino Seguro centradas na formación dos profesionais, a reorientación de viaxes a Galicia, o impulso de novos paquetes turísticos para descubrir Galicia con produtos que diversifiquen e desestacionalicen a oferta e con especial incidencia do Xacobeo. 

Nesta mesma liña, a finais do pasado ano tamén puxéronse en marcha as axudas para turoperadores e axencias con mais de 10 empregados, cun orzamento de 800.000 euros, a través de tres convenios que teñen por obxecto reforzar a promoción de Galicia asociada ao Xacobeo, así como a creación de novos produtos que reactiven a actividade turística, a través da creación de produtos turísticos e a súa promoción e divulgación.