Autorizada a comercialización de pezas de queixo curado do Cebreiro de máis de 2 quilos


O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se acepta a solicitude formulada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Cebreiro para facer determinados axustes no seu prego de condicións técnicas. 

As modificacións propostas afectan principalmente á descrición das características do produto e ao método de obtención e están relacionadas, en gran medida, coa eliminación do límite máximo de peso dos queixos, que actualmente é de 2 quilos. 

Mentres que hai uns anos a produción de queixos curados era case anecdótica e a inmensa maioría da produción se comercializaba como queixo fresco, actualmente é cada vez maior a proporción de produto que se vende curado, polo que se fai necesaria unha caracterización máis precisa deste tipo de queixos, nos que marcou tendencia Santo André. 

Por outra parte, no relativo á autoridade de control, é preciso modificar a referencia ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) para substituíla pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), unha vez creada esta axencia pública autonómica que veu asumir as funcións de autoridade competente na materia en substitución do Ingacal. 

Esta resolución de Medio Rural, xunto co resto da documentación pertinente, vaise remitir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), aos efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.