As rutas en catamarán pola Ribeira Sacra comezarán o 19 de marzo


A Deputación de Lugo adxudicou á empresa pública Tragsa a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra para o ano 2021, con posibilidade de prorrogar nas anualidades 2022 e 2023, e garantir así a estabilidade deste dinamizador económico. O importe económico anual é de case 686.000€. A voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu conta das novidades do servizo, subliñando o adianto ao 19 de marzo da posta en marcha das viaxes. 

“Un adianto que repercutirá positivamente na economía da zona”, afirmou García Porto, quen destacou que “dende a Deputación de Lugo volvemos a apostar decididamente por ofrecer este servizo turístico público e de calidade porque contribúe de maneira directa e moi importante a dinamizar a economía da Ribeira Sacra axudando á hostalería, ao turismo e ao comercio cando máis o necesitan debido a crise derivada das restricións sanitarias”. 

Ademais, indicou Pilar García Porto, o servizo “favorece a proxección da Ribeira Sacra no ano no que esta paisaxe cultural única, estou convencida, será declarada Patrimonio da Humanidade; e é unha maneira eficaz de promocionar o noso territorio a través do turismo, sobre todo neste momento marcado pola pandemia, no que o visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras”.