As Rías Baixas chamam aos recordos e historias reais

Promoción do destino Rías Baixas presentado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, no hall do Museo de Pontevedra. “Será unha campaña diferente porque vivimos un tempo incerto e non sabemos cando poderán visitarnos”, Unha campaña que apela primeiro a recordar e cando se poda a volver, que chama a momentos, recordos e historias reais, que anima ás persoas que xa visitaron a provincia de Pontevedra a volver a evocar eses instantes especiais, e chama a outras a vir por primeira vez. Así é aa máxima responsable da institución.

Deste xeito, a promoción ten un carácter flexible, acorde á evolución das restricións de mobilidade, pero xa están deseñadas as súas tres fases e por primeira vez será unha promoción bianual. A etapa inicial centrarase no branding a partir de historias reais, baixo o lema “Momentos Rías Baixas”; a segunda, cando se poida viaxar, terá como eslogan “É o teu momento” para chamar a vir ás Rías Baixas; e a terceira incluirá unha oferta de rutas na provincia e estará ligada ao Camiño de Santiago, dado que o Ano Santo prolongarase a 2022. Ademais, a Deputación dará protagonismo ao sector, pois é fundamental na experiencia dos e das visitantes e nos seus recordos especiais.

“É unha campaña diferente e innovadora, mantendo ao mesmo tempo os grandes sinais que nos sitúan como un destino innovador, vangardista, punteiro e creativo a nivel internacional. Xera comunidade a través das persoas que participen nela, e inspira a outras a vir”, resaltou Carmela Silva, que destaca como valores centrais  que é “fresca, desenfadada, áxil, flexible, humana, cunha mirada optimista e un tono positivo”.

Participación do sector

O concepto da campaña, os momentos, o benestar e a viaxe interior, dan continuidade á promoción de 2020 “Segue o teu instinto”. A primeira fase, centrada nos “Momentos Rías Baixas” e articulada con sorteos e promoción on line, permitirá captar contidos e construír marca. “Estará presente ata que se levanten as restricións e poidamos promocionar o destino como unha realidade, non como un futurible”, indicou a presidenta, para engadir que “a idea é que as persoas que nos visitaron participen e compartan a través das redes sociais os seus #momentosRíasBaixas, as súas vivencias na provincia”. A Deputación contará co sector nesta promoción. “Queremos que se impliquen, que teñan cabida, como facilitadores e facilitadoras deses momentos, nesta primeira fase compartindo as súas testemuñas, porque contribúen a definirnos como un destino hospitalario, cercano, con persoas comprometidas”, detallou.

A segunda fase invitará xa á acción co lema ´”É o teu momento”. A previsión da Deputación é presentar o vídeo central na feira Fitur, prevista do 19 ao 23 de maio, se ben dependerá das circunstancias derivadas da pandemia. Nesta etapa chámase a viaxar á provincia, a facer plans ao tempo que se empatiza con todas as persoas que participaron na primeira fase. Para elo poranse en valor todas as vivencias, recordos e experiencias que compartiron. “Invitará a visitarnos partindo das historiais reais. Transmitiremos un material empático e emocional que chamará a crear novos momentos especiais e únicos”, comentou a presidenta.

E xa para finais deste ano e comezos do 2022 terá lugar o terceiro momento, que pretende aproveitar a atracción que supón o Camiño de Santiago. “Daremos a coñecer as múltiples rutas que atravesan a provincia, ben sexan as dos fenicios, da camelia, os miradores, o viño, os faros, o sendeirismo e a posibilidade de atopar o noso propio camiño en Pontevedra provincia”, desgranou a mandataria provincial.

Sorteos de estancias e actividades

A primeira fase centrarase nunha campaña on line de branding que permitirá facer marca sen frustrar ao público obxectivo, que agora non pode viaxar. “Imos converter ás persoas que visitaron Rías Baixas en protagonistas”, captando a súa atención para que participen narrando as súas propias vivencias e as compartan en Instagram, Faceobook e Twitter”, indicou a presidenta. A mecánica consistirá na posta en marcha de concursos e sorteos mensuais, desde marzo ata xuño. Os recordos que transmitan as persoas participantes tamén contribuirán a detectar o que botan de menos na provincia. “Publicaremos unha bases na web e perfís oficiais de Turismo Rías Baixas. Toda persoa que comparta os seus momentos empregando os hashtags #momentosRíasBaixas e #PontevedraProvincia, entrará xa a participar no concurso”, resaltou. Os premios serán estancias e actividades turísticas para que as persoas gañadoras as desfruten ao longo de 2021. Deste xeito a campaña promove a reactivación e xera tamén gasto complementario en torno aos agasallos.

Spot e apoio de figuras destacadas

Durante o acto presentouse o spot da campaña “Momentos Rías Baixas”. O vídeo serve de inspiración, exemplificando os #momentosRíasBaixas aos que apela a campaña. ”É unha pílula de enerxía, de bo rollo, un estímulo para os sentidos, para recordar todo o que Pontevedra Provincia nos aporta”, citou Carmela Silva. Tamén foi proxectado durante o acto un vídeo no que persoas destacadas na súa actividade contan os seus recordos especiais nas Rías Baixas. Trátase de Diego Guerrero, chef con dúas Estrelas Michelin; os tamén chefs Edgar Núñez e Yolanda León; a parella blogueira formada por Sara e Jaac, artífices do blog de viaxes “Salta Conmigo”, a artista Julia de Castro; e Mónica e Miguel de “El viaje de Sofí”. Todas contan os seus “#momentosRíasBaixas. 

Campaña en redes sociais 

A promoción desenvolverase a través das redes sociais e contará con apoio publicitario para reforzar a participación. A previsión é alcanzar entre seis e sete millóns de impresións cunha coidada segmentación do público. Do 22 de febreiro ao 14 de marzo farase unha primeira quenda centrada en Madrid, Barcelona e Bilbao; e do 5 ao 18 de abril focalizarase en Asturias, Valladolid e Galicia, con vistas a reforzar o turismo de proximidade. “A campaña centrarase nesta primeira fase en medios on line, redes sociais e Smart TV. Empregaremos tamén plataformas de música en streaming, con vistas ás pontes de festivos nacionais e rexionais, para vincular o noso destino cos momentos de lecer”, explicou a presidenta.

Imaxe gráfica: a idea do caderno de viaxe

Ademais do spot, a campaña emprega recursos frescos e dinámicos destinados a animar á participación. Entre os motivos destaca a imaxe do caderno de viaxe, moi empregado por persoas que anotan e ilustran experiencias e anécdotas, pegan tickets e pequenos elementos que no futuro axudan a recordar o vivido. “Este caderno reforza esa idea que pretendemos conseguir: unha imaxe alegre, fresca, divertida, real e desenfadada”, agregou a presidenta. O caderno inclúe imaxes de costa e de interior, unha pulseira dos Festivais Rías Baixas, un billete para Cíes ou unha ilustración cun mapa da provincia, entre outros elementos. Ademais empregaranse outras creatividades centradas en temáticas específicas como a gastronomía.