In-Troido en A Coruña con bonos para os gañadores de consumo no comercio local


As coruñesas e coruñeses poderán concursar desde este sábado 13 de febreiro no certame virtual de disfraces In-Troido que organiza o Concello da cidade herculina, a través do IMCE, co fin de que non se perda a tradición pese á situación actual de pandemia e que se respecten as medidas de seguridade marcadas pola Xunta. O Concello premiará os mellores disfraces do seu Concurso In-Troido con bonos para consumir no comercio local.

Deste xeito, convídase a veciñanza a que participe e suba imaxes até o día 21 dos seus traxes para que, posteriormente, un xurado valore a orixinalidade e posta en escena das e dos concursantes, que se dividirán por categorías segundo a súa idade. 

Estableceranse catro modalidades: nunha primeira estarán incluídas as nenas e nenos de cero a seis anos, nunha segunda estarán as e os rapaces que teñen entre sete e doce anos e unha terceira será para as/os maiores de trece anos en adiante. Ademais, a iniciativa busca a complicidade de toda a familia cunha categoría grupal-familiar, que deberá estar composta polo menos por dúas persoas conviventes caracterizadas coa mesma temática.

As persoas interesadas subirán ás redes unha instantánea súa ou cedida con permiso por outra/o convivente, e incluirán no texto o título da foto, a categoría en que participa e a etiqueta #EntroidoCoruñés ou #IntroidoCoruñés, mencionando tamén a conta do Concello da Coruña en Facebook e Twitter @Concellocoruna e etiquetando a coruna_gal en Instagram. É importante que as imaxes se suban con carácter público e que os perfís estean abertos, en función das condicións de cada rede, para que o xurado poida valorar todos os contidos enviados.