A Xunta insta ao Goberno Central que faga efectivas as axudas para a hostalería

O vicepresidente primeiro da Xunta reclama ao Goberno central que as axudas anunciadas para a hostalería se fagan efectivas “con urxencia e concreción”, e que se traduzan en achegas directas, porque é o que precisa o sector para garantir a súa supervivencia.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Alfonso Rueda deulle a “benvida” ao Goberno central por sumarse ás axudas a autónomos, pemes e hostaleiros, aínda que sexa un ano despois de que comezara a pandemia. Fronte a esa demora, a Xunta estivo do lado de sector coa posta en marcha de dous plans de rescate que garantan a continuidade dos negocios ameazados pola crise sanitaria. 

A entender de Rueda, o anuncio feito por Pedro Sánchez -quen prometeu 11.000 millóns de euros para actuacións dirixidas a empresas, pemes e traballadores autónomos-, é “unha emenda á totalidade” do feito ata agora polo Executivo central. Con todo, a Xunta chama a atención sobre a falta de concrecións dese anuncio e pide que esas actuacións se traduzan en axudas directas, xa que a “ausencia” e a “intransixencia” do Goberno central está a poñer en perigo o futuro de miles de familias galegas castigadas pola crise. “É imprescindible un plan de axudas e compensacións directas, un plan que ten que ser sinxelo e rápido, sen confusións nin burocracia”. 

O vicepresidente primeiro lamentou tamén a negativa do Goberno de Sánchez a baixar o IVE turístico ao 4 %, así como a falta de coordinación coas entidades locais para exonerar do pago do IBI, o IAE ou as taxas de lixo aos empresarios que levan un ano padecendo os prexuízos da crise sanitaria”. Alfonso Rueda entende que nesta pandemia hai “un gran ausente”, o Goberno central, e que a súa falta de dilixencia pode poñer en perigo a recuperación económica cando as condicións sanitarias o permitan.

Case 16.000 peticións do segundo plan de rescate

Fronte á falta de resposta do Goberno central, a Xunta estivo desde o primeiro día do lado do sector habilitando axudas directas, como co primeiro plan de rescate, que mobilizou 86 millóns de euros que os autónomos, pequenos empresarios e hostaleiros puideron cobrar en menos de catro meses. Coa última orde do segundo plan, por un importe de 75 millóns, publicada no DOG esta semana, activáronse xa os mecanismos para facer as peticións, máis áxiles e con menos burocracia, de tal maneira que, só nos primeiros catro días hábiles para reclamalas, e antes de que se publicara a liña específica para hostalería, presentáronse cerca de 16.000 solicitudes.

O rescate á hostalería acompañouse doutras medidas impulsadas pola Xunta, como as achegas para mellorar os locais e as terrazas dos establecementos, as subvencións para as axencias de viaxes, as axudas para os aloxamentos turísticos ou a ampliación das liñas directas a outros sectores como os ximnasios, negocios de ocio infantil ou feirantes.

Un conxunto de medidas que proban o compromiso da Xunta cun sector, o hostaleiro, que conta con máis de 20.700 establecementos en Galicia que conforman unha parte fundamental do seu tecido produtivo, unha riqueza que corre perigo pola falta de implicación do Goberno central, que un ano despois de comezar a pandemia, o único que fixo foi unha declaración de intencións.