A Xunta activa o segundo plan de rescate á hostalería


A Xunta activou o segundo plan de rescate para a hostalaría, comercio e outras actividades afectadas pola pandemia que se estende agora aos sectores pechados por orde da Administración autonómica (como ximnasios e centros de lecer) a finais de xaneiro para controlar a terceira onda da crise sanitaria. 

En concreto, este segundo plan está dotado con 75 millóns de euros en total, segundo indicou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que deu luz verde a este fondo, ao que poderán optar autónomos e microempresas. En palabras de Núñez Feijóo, as axudas serán acumulativas e repartiranse en función de escalas graduais que atenderán ao volume de negocio, os traballadores ou as perdas respecto da facturación previa á pandemia.

Dos 75 millóns que compoñen o plan de rescate, 30 serán dedicados a autónomos, outros 30 millóns para microempresas, 12 para o sector da hostalaría afectado por peches e, por último, tres millóns irán parar a apoios para negocios non relacionados coa hostalaría, como gimanasios, centros de lecer ou parques infantís, cuxa inclusión é unha das novidades desta segunda edición respecto da primeira.

Así mesmo, a Xunta abriu a porta a que se somen ao fondo as administracións locais e provinciais, que "o único que teñen que facer" é indicar "que cantidade" desexan achegar. Verbalizouno o propio Feijóo, que aproveitou para tachar de "lamentable" a "ausencia" de axudas directas por parte do Goberno central ou que existan concellos que "seguen cobrando" os impostos ou canons fixos a sectores afectados polos peches.

Por outra banda, Feijóo anunciou que este venres o vicepresidente económico, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, manterán un encontro co catro federacións provinciais de comercio para a posta en marcha dunha estratexia de fomento do consumo no comercio de proximidade.