A exposición Galicia, de Nós a nós abre as súas portas ata o 18 de abril

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, inauguraron onte no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a exposición Galicia, de Nós a nós, da que son comisarios Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, unha mostra que abre as súas portas ata o vindeiro 18 de abril en dous espazos expositivos: este centro cultural e a sala de exposicións de Afundación, na praza Maior de Ourense.

Trátase da mostra máis completa -300 pezas- sobre o movemento cultural, político e social "máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista", destacou Baltar no acto inaugural, afirmando que esta exposición "pon en valor o gran legado da Xeración Nós, hoxe 24 de febreiro, cando se cumpren 100 anos e 111 días de aparición do primeiro número da revista Nós, e tamén se cumpren 184 anos do nacemento de Rosalía de Castro. 

Ela, xunto con Curros Enríquez e Eduardo Pondal foron as voces cimeiras do Rexurdimento, aló polo século XIX, desta Nación Cultural á que chamamos Galicia, e hoxe falamos das voces cimeiras deste segundo Rexurdimento, que foi a Xeración Nós, aló polo comezo do século XX; o fixeron posible: Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Castelao..., as voces e os feitos dos de Nós"."Un brillante traballo de investigación e de interpretación da nosa memoria", así definiu Baltar a exposición, poñendo de relevo tamén a figura "dun dos integrantes desa Xeración Nós como foi Antón Losada Diéguez, redactor da revista e promotor dela na sombra, e a quen o seu biógrafo, Justo Beramendi, definiu como "o esquecido mentor da Xeración Nós"; "un Losada Diéguez que traballou xunto aos demais homes de Nós nunha idea renovadora de Galicia, e a súa semente agromou no Seminario de Estudos Galegos, que acolleu á nova xeración de escritores e investigadores, e no Partido Galeguista e o seu traballo polo Estatuto de Autonomía de Galicia, un traballo que se viu parado o 18 de xullo, co golpe de Estado; pero un estatuto que temos hoxe e, sen dúbida, somos herdeiros de Nós. 

E esa "marca da nosa personalidade diferencia", como eu a defino, permanece, expresou Baltar.O presidente da Deputación de Ourense -nun discurso de fondo calado identitario, literario e político- remarcou que "non podemos permitir a desmemoria; non entendo o feito "penoso" de que algúns propiciaran o desleixo e non celebraran este centenario da Xeración Nós, porque esta exposición é un exemplo do noso e nos transmite conciencia e responsabilidade, porque é moito máis que obxectos e documentos, e por iso convido e agradezo a todas as persoas que poidan achegarse a esta mostra e que se sintan herdeiros dunha xeración única; como dicían as primeiras verbas da revista: "Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos", concluíu Manuel Baltar.

A exposición amosa a traxectoria do movemento Nós xunto con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, remarcando a dimensión de universalidade da cultura galega. Tamén destaca o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento e internacionalización da lingua e da cultura galegas.