A Deputación da Coruña ensalza a figura de Emilia Pardo Bazán


O Arquivo da Deputación da Coruña dedica o seu "Documento do mes" de febreiro á acta que recolle a contribución da institución provincial á subscrición popular para erixirlle unha estatua a Emilia Pardo Bazán nos Xardíns de Méndez Núñez, na Coruña.

Pardo Bazán foi a primeira muller profesora do Ateneo de Madrid, a primeira Presidenta de Honra do Centro Galego da capital e da Real Academia Galega. Tamén alcanza o cargo de Conselleira de Instrución Pública e o de Catedrática da Universidade Central. A autora consegue todos os seus obxectivos, menos entrar na Real Academia Española polo rexeitamento da masculinidade intelectual do momento.

Todas as institucións galegas amosan o seu apoio ás candidaturas da condesa para formar parte da RAE, entre elas a Deputación da Coruña, o Círculo de Artesáns ou a Real Academia Galega. A prensa tamén se posiciona ao seu favor e os seus incondicionais promoven unha subscrición popular para erixirlle unha estatua nos Xardíns de Méndez Núñez. Reúnen un total de 10.000 pesetas, das que 3.000 procedían da Deputación.

A través da publicación deste documento, que se suma ao do mes pasado tamén dedicado á autora, a institución provincial continúa coa súa pequena homenaxe a Pardo Bazán no ano centenario do seu pasamento. Unha forma ademais de darlle visibilidade ao importante traballo de dixitalización que realiza o Arquivo Provincial, chave para almacenar importantes documentos que forman parte da historia da provincia e que son memoria das pasadas xeracións. Estes documentos están comentados pola historiadora e directora do Arquivo da Deputación, Carmen Molina, e poden consultarse na páxina web da Deputación.

Entre os numerosos fondos documentais do Arquivo Provincial, acumulados ao longo de case 200 anos de historia, pódense atopar antigas postais e mapas, así como os proxectos orixinais elaborados por prestixiosos arquitectos e enxeñeiros para obras públicas singulares como a Casa Cuna de Ferrol, o peirao do porto de Mugardos ou Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Ligazón ao Documento do mes de febreiro do Arquivo da Deputación da Coruña: