A Deputación da Coruña destina 70.000 euros para a atención ao visitante ao Mosteiro de Caaveiro


A Deputación da Coruña destina 70.000 euros ao Concello da Capela para o financiamento do servizo de atención a visitantes e a realización de actividades socioculturais no Mosteiro de Caaveiro, pertencente ao patrimonio provincial. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello da Capela, Manuel Meizoso, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades.

O Concello da Capela será o encargado da organización e supervisión dun servizo cualificado de atención a visitantes durante o ano 2021 que permita, dun xeito controlado e atendendo ás recomendacións sanitarias, manter o Mosteiro de Caaveiro e a súa contorna natural como un enclave turístico de referencia.

Ademais, na medida en que a evolución da pandemia o permita, levará a cabo eventos de promoción e divulgación socio-cultural do mosteiro ao longo do ano, entre os que se organizarán o 'Trail Mosteiro de Caaveiro' e un concurso de fotografía que terá como temática as Fragas do Eume e o Mosteiro.

Por outra banda, no convenio establécese o horario que terá este ben patrimonial. En Semana Santa abrirá todos os días da semana, incluídos domingos e festivos, de 11 a 19 horas; en primavera os venres, sábados, domingos e festivos, de 11 a 18 horas; no verán todos os días da semana, incluídos domingos e festivos, de 10:30 a 14 horas e de 16 a 20 horas; e en outono e inverno os venres, sábados, domingos e festivos de 11 a 19 horas.

González Formoso destacou a "forte aposta deste goberno provincial para continuar poñendo en valor os seus principais elementos patrimoniais como é o caso do Mosteiro de Caaveiro, que conta cun alto valor cultural e patrimonial e que ademais está situado nun enclave natural único como as Fragas do Eume".

Pola súa banda, Manuel Meizoso agradeceu a colaboración económica da Deputación "para poder manter un ano máis a programación anual destinada ao Mosteiro e que nos permitirá atender con todas as garantías aos visitantes, sobre todo nun contexto como o actual".