Aínda que ten unha longa tradición peonil, o edil explicou que é a primeira vez que se aborda a mobilidade peonil desde unha perspectiva estratéxica, "no camiño da nova axenda urbana destinada a cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable". Villoslada recordou que a orixe desta nova política de mobilidade está na declaración institucional que se aprobou durante unha sesión plenaria e na creación dunha mesa con dez grupos de traballos específicos aos que están vinculadas máis de 100 persoas. Pertencen ás distintas administracións, colexios profesionais, asociacións de comerciantes, veciñais e outras entidades como as que agrupan a ciclistas, patinadores, "rollers" ou as relacionadas coa loxística da última milla. Neste sentido, afirma que a pandemia acelerou o proceso en que se reduciu a 30 km/h a velocidade no 90% das vías urbanas e que se peonalizou San Andrés, unha das principias rúas da Coruña, durante as fins de semana. Desta experiencia, Villoslada indicou que se rexistraron menos resistencias das esperadas e que recibiron o apoio do comercio.
A intención do Goberno de Inés Rey é tratar de combinar as accións de pedagoxía social coas coercitivas e co redeseño dos espazos urbanos para reducir a velocidade. Con esa idea, Mobilidade marca como obxectivos cuestións como optimizar o sistema de carga e descarga e mellorar as contornas escolares e a accesibilidade, sobre todo pensando na poboación maior.