Un novo elevador panorámico para Vigo


Co paso elevado de Lepanto case que derrubado, a transformación do entorno da estación de Urzáiz vai tomando corpo. Se as previsións se cumpren, este 2021 verá a apertura da nova estación do AVE, o acceso á autoestrada por túnel desde Lepanto e a humanización da Baixada á Estación e da Praza da Estación, esta última cun ascensor que conectará coa unión de Urzáiz e Vía Norte.

O goberno de Vigo aprobou o proxecto de instalación do elevador panorámico, cun orzamento de 424.000 euros e cinco meses de obras, co obxectivo inicialas no verán para que funcione desde finais deste ano. I

E elevador terá capacidade para trece persoas e unha parada intermedia de acceso ao centro Vialia. A obra inclúe unha rede de evacuación e canalización das augas pluviais e unha rede eléctrica soterrada, e na unión de Urzáiz con Vía Norte, pavimento de granito, zonas axardinadas e mobiliario urbano.

Por outra banda, o Concello tamén executará a obra de humanización da Praza da Estación e da Baixada á Estación, cun orzamento de 1,9 millóns de euros e traballos que se prolongarán durante un prazo estimado de seis meses. A fachada de pedra da vella terminal ferroviaria, almacenada durante décadas, será ensamblada contra o muro de Urzáiz.