Solicítase un `cronograma´ coas obras de urxencia para protexer o xacemento de Adro Vello

A Deputación quere poñer fin a varias décadas de atrancos e promesas incumpridas para a recuperación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello, no Grove, e para iso suxire a creación inmediata dunha comisión na que estean sentadas todas as administracións con competencias sobre este ámbito, é dicir, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello do Grove, o Servizo de Costas do Estado e a propia Deputación de Pontevedra. Así o defendeu o deputado provincial Carlos Font durante a visita ao espazo patrimonial xunto co alcalde, José Cacabelos.

A creación desta Comisión interadministrativa foi solicitada hoxe oficialmente pola Deputación a todas as institucións implicadas. Na mesma comunicación avanzouse o `cronograma´ de traballo determinado polo persoal técnico provincial para que sexa avaliado na primeira xuntanza da comisión e marcar así unha folla de ruta crible e que sirva para superar todos os atrancos históricos que ata agora impediron unha actuación coordinada.

Carlos Font destacou que "é o momento de pasar páxina tras varias décadas de promesas incumpridas". Indicou que "toca sentarse, desatascar as actuacións urxentes e programar o que hai que facer a medio e longo prazo para comezar a casa por onde hai que comezala, en lugar de polo tellado". "Aquí xa non se trata de manter vivas polémicas artificiais, senón de expresar que desde a Deputación estamos dispostos a colaborar para que este xacemento tan importante siga nesta situación de deterioro e que iso implica, necesariamente, colaboración institucional de todas as partes implicadas".

José Cacabelos declarou que Adro Vello "ten que estar por enriba de Concellos, Deputacións e Xuntas de Galicia, porque estas pedras son a orixe de San Vicente e aquí, nos anos 80, atopouse o vestixio da famosa "traslatio" e a moeda que é insignia do Xacobeo 2021-22". O alcalde deixou claro que as competencias patrimoniais en Galicia corresponden á Xunta de Galicia "porque pretender cousas como que o servizo de limpeza do Grove veña aquí a limpala vexetación, cando a Xunta ten técnicos especializados parece absurdo". "No Grove de compromisos e de anuncios autonómicos xa estamos moi fartos, queremos feitos; aquí viu un conselleiro sen que llo pedira ninguén a anunciar a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC)". Lembrou, ademais, que hai unha vella moción plenaria urxindo esa declaración como BIC e que, lonxe de camiñar nesa dirección, moi recentemente a Consellería de Medio Ambiente impediu a consolidación da duna, nunha pequena actuación programada polo Concello, diante da inacción do Goberno galego, para evitar que se sigan producindo danos pola acción das mareas.

Carlos Font explicou que a comisión interadministrativa deberá fixarse un calendario moi concreto que comece con metas a curto prazo para acometer as obras máis urxentes, consistentes na contención da duna, reposición do valado e limpeza manual, a fin de protexer o xacemento da acción das mareas e impedir que se reproduzan danos como os acaecidos no verán de 2020. A este respecto referiuse aos impedimentos ao proxecto do Concello do Grove, co asesoramento dos servizos de Arqueoloxía da Deputación e coa opinión favorable do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, para a contención da duna. "Ou sexa, que a Xunta de Galicia, máxima responsable da protección do patrimonio cultural, nin fai, nin deixa facer e o resultado é que desde o verán pasado estase a permitir o deterioro do xacemento". As actuacións a curto prazo completaríanse coa tramitación rápida e áxil por parte da Xunta de Galicia para a declaración do BIC, trámite prometido, recalcou Carlos Font, polo ex-conselleiro de Cultura o pasado 26 de febreiro de 2020, "pero, a día de hoxe, non se fixo nada".

En paralelo, a Deputación propón como medida a curto prazo que a Consellería de Medio Ambiente solicite a titularidade da concesión do dominio marítimo-terrestre nestes terreos a fin de facilitar todas as actuacións futuras. A primeira parte do `cronograma´ remata coa redacción dun plan director do xacemento por parte dun equipo multidisciplinar con persoas expertas en urbanismo, arqueoloxía e medio ambiente.

As actuacións a medio prazo, xa co plan director aprobado, consistirían en redactar un proxecto de escavación e consolidación da área arqueolóxica. Avanzaríase tamén no proxecto de musealización. Finalmente, as actuacións a longo prazo, unha vez posta en valor a zona xa escavada a día de hoxe, valorarían o cambio de trazado da estrada provincial, a intervención na zona afectada pola estrada e a musealización nas novas zonas de intervención. A Deputación resulta que este concreto `cronograma´ debe tamén ter en conta que o xacemento foi incluído no proxecto provincial Trazas de Pontevedra, da Deputación e o Ministerio de Fomento no que xa está previsto o cambio do peche perimetral e a incorporación de sinaléctica explicativa en varios tramos do perímetro, pero o proxecto non está pechado toda vez que Costas do Estado comunicou a necesidade de que lle soliciten a concesión dos terreos para que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta poida autorizar as obras.

O desvío da estrada foi prometido no ano 2000 e incumprido ata 2015

Por outra banda, Carlos Font destacou que a estrada de San Vicente foi incorporada á rede provincial no ano 1936 e, desde entón, non sufriu ningún tipo de alteración de trazado. A única referencia sobre a posible modificación data do ano 2000, cando o ex-presidente provincial, Rafael Louzán, anunciou a intención de facer unha variante previo acordo coa Consellería e Costas. "Sen embargo", destacou Carlos Font, "nos 15 anos seguintes, ata que Louzán deixou a presidencia da Deputación, tampouco se fixo nada".

Durante a xuntanza mantida esta mañá, Deputación e Concello concordaron na necesidade de insistir na creación desta Comisión Interadminsitrativa para sacar o xacemento de Adro Vello "dun debate estéril de confrontación política" cando hai moito traballo que facer, en distintas frontes, e que, necesariamente, precisa de colaboración institucional das catro administracións implicadas.