Regueira propón crear produtos complementarios ao Xacobeo


O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou nunha xuntanza con representantes dos entes de xestión a necesidade de fomentar novos destinos e crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo. Apuntou á necesidade de aproveitar os recursos e apostar pola rendibilidade nun momento en que é urxente traballar pola recuperación dun sector especialmente afectado pola crise do coronavirus.

Regueira, reuniuse con representantes dos entes de xestión turístico para avaliar os resultados da anterior convocatoria e avanzar nas novas liñas de traballo para este ano ao abeiro da nova convocatoria de axudas que está aberta para presentar proxectos até o vindeiro 5 de febreiro.

"Os entes de xestión van ser pezas clave á hora de traballar pola recuperación do sector e axustar as programacións ás esixencias deste momento, tanto aos requisitos sanitarios cambiantes da evolución da pandemia como á conmemoración do Xacobeo que está a provocar expectativas que agardemos que se poidan cumprir", explicou na xuntanza con representantes dos catorce entes de xestión que operan no territorio da provincia da Coruña e que son os destinatarios da liña de axudas que a área de Turismo da Deputación dota nesta nova edición con 900.000€

Na reunión, valorouse a especial relevancia deste ano 2021 que se presenta como fundamental para a recuperación do sector turístico e tamén a necesidade de adaptar as programacións dos entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos ás singularidades especiais impostas pola pandemia nun ano de limitacións que cadra coa celebración do Xacobeo. Neste sentido, Regueira defendeu a conveniencia de axustar os orzamentos das axudas ás que o pasado ano concorreron catorce entidades ás expectativas e necesidades actuais, co maior grao de eficacia posíbel dada a limitación de recursos da situación actual.

"Vai ser necesario deseñar e crear novos produtos turísticos complementarios ao Xacobeo, en especial no ámbito do turismo urbano que é o gran damnificado da pandemia e é o que xera máis beneficios porque temos que traballar co obxectivo de que o turismo que chegue ten que deixar un maior retorno económico no territorio", apuntou Xosé Regueira, arredor das liñas fundamentais que deben orientar a planificación turística nestes meses fundamentais en que o sector se atopará aínda con importantes restricións pola covid.