Recta final da remodelación estación autobuses de Santiago e a pasarela da intermodal

O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitaron recentemente o novo edificio da estación autobuses e a pasarela da intermodal, os seguintes equipamentos do ámbito que entrarán en funcionamento tras Clara Campoamor, cuxa reurbanización executou o Concello.

O alcalde confía en que sexa "a partir de Semana Santa" cando entren en funcionamento. O ámbito "vai por fases", indicou, "e agora mesmo o que está practicamente listo é a estación de autobuses e a pasarela. Obviamente Clara Campoamor está operativa xa desde hai varios meses, polo tanto en canto este conxunto estea operativo poderá poñerse en marcha". A reurbanización do vial Clara Campoamor, que contou cun investimento de 1.565.865 euros, estivo cofinanciada, nun 80%, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

No caso da nova estación de autobuses, que executa e financia integramente a Xunta con máis de 10 millóns de euros, a conselleira Ethel Vázquez concretou que tanto o edificio de viaxeiros como a área de dársenas están rematados. Precisou que só faltan detalles como colocar o peche da zona de instalacións, rótulos, mobiliario e outros pequenos remates.

No que se refire á pasarela, confinanciada polo Concello de Santiago, Xunta e Adif cun investimento total de máis de 5,5 millóns de euros, os traballos, segundo apuntou a titular de Infraestruturas, están na recta final.

Queda pendente a estación do AVE, "que esperemos que estea para o ano 2023", salientou Sánchez Bugallo, "e a resolución adecuada da conectividade entre este conxunto, o Ensanche de Santiago e a rúa do Hórreo, que é o proxecto que aprobamos o outro día (28 de decembro) na Xunta de Goberno e que esperamos licitar proximamente", lembrou o rexedor que calcula que "a finais de 2023" a cidade poderá ter "un conxunto intermodal que identifique transporte urbano, regular, metropolitano e ferroviario".

O alcalde amosou a satisfacción polo avance da intermodal que "resolve un problema de conectividade co barrio de Pontepedriña, que mellora enormemente" e que favorece a interrelación entre os diferentes sistemas de transporte.