Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos da provincia de Pontevedra

Co obxectivo claro de camiñar para “favorecer unha profunda transformación económica, social, cultural e medioambiental da provincia”, a presidenta da Deputación Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera adiantaron hoxe as grandes liñas do Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos, cuxos principais retos son a transición verde, a igualdade de xénero, a dixitalización e a cohesión territorial.  “Somos a primeira administración que presenta un proxecto integral de fondos europeos” subliñou Carmela Silva que enxalzou que “dende que se anunciou o Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia para facer fronte á Covid-19 estamos a traballar para definir as políticas públicas encamiñadas a garantir o futuro”.

O Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos, que será presentado aos concellos o vindeiro luns 1 de febreiro ás 11 da mañá, desenvolve 10 programas cun total de 54 accións, nas que se aplicará a perspectiva de xénero e a igualdade de xeito transversal. Conta, tal e como explicou, cunha estimación económica de máis de 300 millóns de euros e está aliñado cos catro eixos definidos pola Unión Europea, coas dez políticas panca do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia do Goberno do Estado, cos cinco obxectivos de política de cohesión europea 2021/2027 e coa Axenda 2030. En concreto, os 10 programas van estar centrados na cohesión territorial; na axenda urbana e mobilidade sostible; na dixitalización, eficiencia enerxética e posta en valor dos recursos patrimoniais da provincia; na economía circular, nos coidados e inclusión social; na transición verde e protección hídrica e forestal; no emprendemento e formación laboral; no turismo intelixente e sostible; na reacción cultural e nunha administración eficiente e innovadora. “Todas as propostas -informou Silva- están deseñadas para chegar a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes para a modernización, dixitalización, transición a unha administración comprometida cos valores medioambientais”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación subliñou que este plan “trátase dunha oportunidade histórica, un tren que non debemos perder”, con programas para que “dentro de sete ou oito ou dez anos se diga que a provincia aproveitou a oportunidade da desgraza da COVID para dar un salto adiante”. O vicepresidente destacou que a institución provincial tiña moito traballo feito xa orientado aos programas presentados, mais subliñou que a pandemia puxo sobre a mesa varias cousas como a saúde do planeta, o grande esforzo que debe facer Europa para non perder o tren da historia e o papel de asistencia aos concellos da Deputación de Pontevedra. 

En canto ao primeiro programa, cohesión territorial, cun orzamento de máis de 60 millóns de euros, pretende que todos os concellos poidan ter equipamentos e dotacións para garantir a prestación de servizos e dereitos. “Queremos –asegurou Silva- fixar poboación, facer fronte á sangría demográfica e para elo temos que garantir que os concellos poidan dispor de equipamentos para promover o acceso á cultura, á práctica do deporte, a atracción turística, así como o uso de enerxías limpas ou a dixitalización”.

No que atinxe aos coidados e inclusión social, cun orzamento de máis de 5 millóns de euros, contémplanse, “accións transformadoras adaptadas á nosa realidade no campo da igualdade, da atención ás persoas maiores, dependentes, á corresponsabilidade… para implantar un novo modelo de coidados”. Pola súa banda, para emprendemento e formación laboral o orzamento total ascende a máis de 13,5 millóns de € co obxectivo de “avanzar na igualdade de oportunidades no campo da inserción sociolaboral, creando unha oferta acorde ás novas necesidades, apostando polas ferramentas TIC e pola dixitalización do sector primario”.

“Somos o grande referente de turismo na nosa comunidade”, destacou Carmela Silva e, deste xeito, cun orzamento base de máis de 16 millóns de € no marco do programa de turismo intelixente e sostible, “imos seguir afondando na aposta por un turismo intelixente, sostible, experiencial, competitivo, dixitalizado, baseado na nosa cultura e patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, marítimo ou gastronómico”.

En canto á reacción cultural, con máis de 5 millóns de €, “pretendemos desenvolver unha potente estratexia que permita fortalecer a industria cultural e pemes, rachar coa fenda cultural entre as zonas rurais e urbanas, posicionar a produción audiovisual, musical, literaria, escénica, impulsar a creación de infraestruturas culturais intelixentes, promover o talento e potenciar a atracción turística”.

No que atinxe a unha administración eficiente e innovadora, dotado con máis de 4,5 millóns de euros, Carmela Silva amosou a vontade de “avanzar máis” en canto á eficiencia da administración na relación coa veciñanza, reducindo a fenda dixital, garantindo a prestación de servizos públicos electrónicos, mellorando a xestión da seguridade informática e fortalecendo as capacidades dixitais.

Sobre a axenda urbana e mobilidade sostible, cun orzamento de máis de 75 millóns de €, o vicepresidente César Mosquera destacou que recolle accións e liñas de actuación nos que xa está a traballar a Deputación, como o Plan Ágora, a ruta Eurovelo, ou o Plan Móvese, entre outros. Pola súa banda para a dixitalización, eficiencia enerxética e posta en valor dos recursos patrimoniais, cun orzamento de máis de 46,5 millóns de €, o vicepresidente apuntou actuacións no Museo de Pontevedra, a transición enerxética e dixitalización de edificios protexidos, mellora de equipamentos provinciais ou a recuperación dos Castelos de Soutomaior e Sobroso.

En canto á economía circular, con máis de 20 millóns de €, Mosquera fixo especial fincapé  á importancia de disociar o crecemento económico do consumo de recursos, “xa que estes non van dar, e haberá que reaproveitalos”. Hai grandísimas posibilidades, segundo dixo, de levar adiante proxectos interesantes e apoiar algúns que xa teñen algunhas empresas. Sobre a mesa, de feito, puxo a necesidade de aplicar os biorresiduos ou os puríns para reducir os abonos químicos e minerais que se utilizan na terra: “hai que facer que os residuos sirvan, non contaminen. Todo isto xa está moi avanzado, pero fáltale un impulso”, asegurou. 

Finalmente a transición verde e protección hídrica e forestal, con máis de 15 millóns de €, fixo referencia á Rexeneración da Xunqueira de Alba, á presentación dos espazos litorais e ás infraestruturas verdes e loita biolóxica para o control de pragas. Tamén fixo fincapé Mosquera nunha última liña á que se vai presentar a Deputación e o AECT Rio Minho dentro do ámbito transfronteirizo, que é a mellora da conectividade dos territorios da fronteira. “A esperanza –subliñou- é que sexa dos máis fáciles porque é un proxecto moi traballado entre os concellos do Miño e as cámaras portuguesas”. Neste sentido, hai que lembrar que a fronteira do Miño é a provincia transfronteiriza máis dinámica de todo o Estado español, que conta nestes momentos cunha ‘Estratexia do Rio Minho 2030’ na que se desenvolven iniciativas de sustentabilidade, accións de mobilidade e proxectos turísticos transfronteirizos, como o da marca ‘Visit Rio Minho’. 

Manifestacións de interese

Xunto aos Plan Estratéxico de Fondos Europeos, a presidenta da Deputación tamén informou que “estamos presentándonos a todas as manifestacións de interese que o goberno está publicando habitualmente”. Neste eido, Carmela Silva destacou que a institución provincial ten presentado xa proxectos adaptados e centrados nos concellos de menos de 5.000 habitantes. Tamén se está a traballar, desde a Deputación, en iniciativas relacionadas coa implantación do 5G, noutras centradas nas comunidades locais enerxéticas e tamén en plans de sostibilidade turística, en concreto para as comarcas de Deza, Terra de Montes, O Condado e A Paradanta, “que eran as comarcas que cumprían cos criterios marcados polo goberno”.

Amais, “estamos presentando todos os documentos que o goberno está solicitando para poder ter tamén unha idea clara de por onde van ir as administracións locais”, asegurou Silva. “Queremos estar preparadas e preparados, ter os proxectos adiantados” –destacou a presidenta- “porque parece ser que o Plan de Resiliencia non vai ser territorializado senón que irá por liñas transformadoras que xestionará cada Ministerio e con proxectos que sairán por concorrencia competitiva”.