O Concello de Pontevedra proxecta a reforma de Praza de Barcelos


O Concello de Pontevedra ultima o proxecto para a reforma da praza de Barcelos, unha intervención que ascende a 5.792.987 euros na que se ampliarán os espazos de xogo e se aumentan as zonas deportivas, ao tempo que se estrutura a conexión da cidade co que previsiblemente será o novo espazo do convento de Santa Clara. 

Dende o concello0 informan que este proxecto responde "á reforma dunha zona central da cidade, que cumpre a función de é ser a zona de esparcemento probablemente do barrio máis populoso da cidade e que é unha das máis densas de toda Galiza". 

Na reforma contémplanse criterios construtivos de alta calidade urbana que substituirán a intervención dos anos 60 cando a cidade se ampliou cara o leste ou incluso cando se construíu o aparcadoiro soterrado. De feito, os accesos ao aparcadoiro serán rehabilitados para convertelos en estruturas máis acordes co que vai ser a nova praza de Barcelos e cunha arquitectura moito máis contemporánea. 

Estes accesos peonís estarán construídos en formigón e vidro, e recubertos cunha celosía de aceiro. "Trátase de substituír os edificios vellos por uns accesos peonís máis actuais, con máis calidade urbana, con materiais máis adaptados á praza, integrados coa contorna e respectuosos co patrimonio" segundo expliou o concelleiro Demetrio Gómez. 

Convén lembrar que neste proxecto, as áreas infantís trasládanse cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén se cambia de ubicación e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos que, ademais das pistas, contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa. 

Tamén se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas. No borde norte, isto é, a carón do muro de Santa Clara, mantéñense os plátanos centenarios, plántanse novas árbores e créase unha zona de paseo e estancia, cunha senda peonil, desde a que parte unha pradeira verde que se extende practicamente ata o centro da praza. 

De cara a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, redeseñouse toda a circulación perimetral da praza. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. 

Tamén se tivo en conta, no deseño xeral, que os escaparates dos negocios fosen visibles desde a propia praza. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.