O Concello de Pontevedra ven de aprobar un acordo que será remitido nas vindeiras horas á Xunta de Galicia no que propón á administración autonómica elaborar un plan de rescate dos sectores afectados pola Covid –especialmente á hostalería e ao comercio- con carácter inmediato no que participen concellos, deputacións e lidere a Xunta, de xeito que as achegas das administracións sexan proporcionais aos seus ingresos.
A portavoz municipal, Anabel Gulías explicou que “a terceira vaga é un feito. Na actualidade subimos contaxios, a situación é preocupante e é necesario traballar con solucións reais”. Confirmou que “a situación de determinados sectores é agónica e preocupante dende o punto de vista económico e tamén social”, por iso o Concello de Pontevedra propón a elaboración dun plan de rescate estrutural dos sectores máis afectados pola pandemia.
O Concello de Pontevedra entende que este plan de rescate ten que ser simple, cunhas bases consensuadas entre as administracións e liderado pola Xunta de Galicia porque nela recae a competencia. Anabel Gulías indicou que debera ser un plan “inmediato” porque a situación así o obriga. Considera que a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) sería un bo interlocutor entre todas as partes implicadas.
Dende o Concello de Pontevedra plantéxase que este Plan de rescate estea formado por achegas porcentualmente similares por parte de cada administración. A modo de exemplo, Anabel Gulías indicou que se a Xunta de Galicia achega o 1% do seu orzamento, deputacións e concellos farano en igual contía.
Tamén lembrou que até o de agora a Xunta de Galicia comprometeu 22 millóns de euros para os sectores máis afectados “o que supón o 0,19% do seu orzamento”, cando por parte do Concello, as primeiras axudas Supera, dotadas con 1,2 millóns de euros, supuxo o 1,6% do orzamento global, segundo apuntou.