Inauguración da exposición "Afonso X e Galicia"

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou en Santiago na inauguración da exposición "Afonso X e Galicia", un proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e que conmemora o 800º aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea. 

A mostra, que abre hoxe as súas portas na Igrexa da Universidade en Santiago, convida a coñecer a enorme influencia da figura de Afonso X cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval.

No acto inaugural, Baltar salientou que Afonso X e os seus colaboradores "elevaron a lingua galega, na lírica profana e relixiosa da Idade Media, á maior categoría. Por iso foi polo que, en 1980, lle correspondeu ser homenaxeado co Día das Letras Galegas", e destacou: "A miña beizón para todas as persoas que traballaron para facer realidade esta mostra, e o meu desexo de que sirva para descubrir, 800 anos despois do nacemento dun rei sabio que non puido chegar a ser emperador, as súas pegadas ourensás".

Baltar afirmou que Afonso X "foi un monarca cun proxecto cultural que transcendeu os límites dos seus reinos e contemplou o plurilingüismo como elemento esencial de cultura", e destacou a Ourense como "un territorio cultural e historicamente ben definido, estreitamente vencellado á figura de Afonso X O Sabio", enumerando a importante nómina de persoeiros que investigaron sobre a súa figura como: o Padre Sarmiento, Milá e Fontanols, o marqués de Mondéjar, Antonio Ballesteros, Marcelo Macías, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Cid Rumbao e Rivas Quintas".

Xunto a Manuel Baltar participaron no acto de inauguración a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; e o reitor da USC, Antonio López. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta mostra que estará aberta ata o 24 de abril, e que posteriormente será exhibida no centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.Rosario Álvarez destacou que mostra "ofrece un itinerario polo universo afonsino en Galicia e reivindica a vixencia do seu legado. Rende homenaxe á contribución do Rei Sabio, responsable dese monumento da cultura universal que son as Cantigas de Santa María e autor destacado no cancioneiro profano. 

Ademais, esta exposición pon de relevo o brillo que Galicia e a cultura galega acadaron durante a Idade Media, cando a catedral de Santiago e o seu camiño de peregrinación constituíron un vizoso e próspero fenómeno cultural de transcendencia europea".Alberto Núñez Feijoo puxo o acento na conexión do monarca con Galicia, "que se manifesta no literario coas Cantigas de Santa María, que situaron o galego como lingua de prestixio cultural e protagonista dun dos fenómenos artísticos máis valiosos e representativos da cultura medieval, que logrou inspirar aos nosos creadores do século XIX e XX" lembrou.

Pola súa parte, o reitor Antonio López mostrouse satisfeito de poder sumar a implicación da USC a un proxecto singular pola propia personalidade poliédrica do personaxe. "Afonso X garda unha estreita relación coa idiosincrasia universitaria en canto foi unha figura máis preocupada polos límites do saber que polos lindeiros do territorio nun contexto histórico no que resultaba unha actitude adiantada ao seu tempo" engadiu.