Cúmplense os primeiros dez anos da Cidade da Cultura de Galicia

A Cidade da Cultura de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2011 polos entón Príncipes de Asturias e hoxe Reis de España e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumpre os seus primeiros dez anos de vida con preto de 5000 actividades culturais e eventos e recibindo case 6 millóns de visitas ao longo desta década. 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, que presentou o balance dos primeiros dez anos de funcionamento da Cidade da Cultura, asegurou que remata unha “fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe”.

O titular de Cultura do Goberno galego subliñou que o Gaiás de 2021 é un espazo de referencia no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, con máis de 600 persoas traballando a diario nas súas instalacións, unha media anual de case 200 actividades culturais e 400 eventos organizados por empresas, institucións e colectivos sociais nas súas instalacións, e que pechou 2019 –último ano antes da pandemia– recibindo a máis dun millón de persoas, entre visitantes, turistas, usuarios dos servizos públicos e traballadores.

A folla de ruta na nova etapa que se inicia na Cidade da Cultura plasmarase no que será o segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura, un documento que xa está en marcha e que abranguerá as liñas de traballo para o período 2021-2027.

O primeiro fito desta fase nova será o remate do Fontán, o edificio que abrirá un novo eixo de traballo na Cidade da Cultura ao converterse nun impulsor do sistema universitario de Galicia e que tamén fará de Santiago de Compostela unha referencia no eido dos estudos do patrimonio acollendo institucións tan relevantes como o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC ou novo Centro de Estudos sobre o Patrimonio Cultural (CISPAC), especializado no Camiño de Santiago.

Nun ano marcado pola celebración do Xacobeo, Román Rodríguez anunciou que o Gaiás se presenta como un dos escenarios onde se desenvolverá o programa cultural que está a preparar a Xunta de Galicia, con proxectos como a exposición Galicia futura, coa que se pecha a triloxía de mostras organizadas desde o Goberno de Galicia con motivo do Ano Santo, tras Galicia, un relato no mundo e Galicia, de Nós a nós.

Na nova etapa, o conselleiro adiantou que o Gaiás afondará na súa dimensión de “factoría de proxectos culturais”, pero sempre co obxectivo de que estes contidos percorran outros espazos culturais de Galicia, nun circuíto de itinerancias que pretender converter esta infraestrutura nun fornecedor de contidos para toda a Comunidade.