A partir do 30 de xaneiro podrán visitarse os xardíns do Pazo de Meirás

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou por videoconferencia na segunda reunión da Comisión de seguimento sobre o futuro de Meirás, onde se acordou abrir á cidadanía os xardíns deste ben a partir do vindeiro día 30 de xaneiro. Aténdese así a petición trasladada polo Goberno galego na anterior xuntanza. O conselleiro expresou a súa satisfacción, pero lembrou a importancia de manter o réxime de visitas, dado que Meirás ten a consideración de ben de interese cultural (BIC).  

Neste sentido, a Xunta demandou ao Goberno central -titular de Meirás en cumprimento da execución provisional da sentencia- a elaboración dun plan de apertura “progresiva e parcial dos espazos interiores, dando prioridade á seguridade, pero tendo en conta que se debe garantir o acceso á cidadanía”. Solicitou, así mesmo, non seguir retrasando os prazos previstos, que o Goberno central traslada agora á segunda quincena de marzo. E instou a iniciar a apertura dos dous espazos vencellados aos elementos de especial consideración: as estatuas do Mestre Mateo, situadas na capela, e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, a fin de manter o plan de visitas inherente a súa condición BIC.  

O titular de Cultura valorou positivamente que o Estado accedese ás recomendacións e peticións da Xunta para reabrir os xardíns este mesmo mes e facer así efectiva e real a recuperación do inmoble para o patrimonio público a pesares das limitacións derivadas da covid. Con todo, expresou a necesidade de seguir traballando para axilizar a reapertura total cun “horizonte coherente e un calendario claro” para convertelo nun espazo vivo. 

Con este obxectivo, a Comunidade Autónoma comprometeuse, igualmente, a estudar o borrador de convenio que o Estado remitirá para determinar o papel de cada administración. 

Ramón Villares e Isabel Burdiel

Durante o encontro acordouse, ademais, a composición do novo grupo de expertos que se encargará de reflexionar sobre os futuros usos do inmoble. Á proposta da Xunta, incorpóranse o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Ramón Villares, e a catedrática de Historia Contemporánea da Universidade de Valencia, Isabel Burdiel. “Dúas persoas de recoñecido prestixio, solventes, avaladas pola súa brillante traxectoria académica e profesional e profundamente coñecedores da historia que poderán dar esa visión plural e a longo prazo que o futuro das Torres de Meirás precisa”, explicou o conselleiro.

Ramón Villares é catedrático da Universidade compostelá desde a década dos 80. Autor de máis de 70 publicacións, conta con premios e recoñecementos como o Fernández Latorre, o Otero Pedrayo ou o Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior. Foi reitor da USC e presidente do Consello da Cultura Galega. 

Isabel Burdiel é especialista en historia política e cultural do liberalismo europeo do século XIX. Dedicou unha parte importante da súa obra á historiografía das mulleres e á investigación sobre a construción de identidade. En 2011 recibiu o Premio Nacional de Historia por unha biografía de Isabel II. Recentemente vén de publicar a biografía Emilia Pardo Bazán.