A Deputación da Coruña interésase pola investigación na Croa do Castro en Malpica


O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, reuníronse con representantes do goberno municipal de Malpica de Bergantiños para traballar conxuntamente en dous proxectos de especial interese patrimonial como son a Croa do Castro e o Museo da Olería do Forno do Forte. Regueira destacou a relevancia das dúas iniciativas para o futuro cultural e turístico do concello e de toda a Costa da Morte.

Na xuntanza, que se desenvolveu na Deputación da Coruña, o vicepresidente da Deputación e o deputado de Patrimonio reuníronse coa concelleira de Cultura, Olaría, Igualdade e Patrimonio, Leticia Varela e o concelleiro Miguel Varela para avanzar en dous proxectos de especial interese na promoción patrimonial, cultural e turística do concello.

Os representantes municipais puxeron sobre a mesa a necesidade de colaboración institucional no desenvolvemento das investigacións da Croa do Castro de Cerqueda do que se realizou o pasado mes de novembro a prospección xeofísica con gradiómetro. Ao respecto, Xosé Regueira mostrou a dispoñibilidade da Deputación da Coruña a colaborar nesta iniciativa coa participación dun convenio a tres partes no que, ademais do propio Concello de Malpica de Bergantiños, tería que participar o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Na reunión déronse pasos tamén cara á remusealización do Forno do Forte para convertelo no gran Museo da Olaría de referencia que destaque e promove un dos principais recursos turísticos e patrimoniais de Malpica. Esta actuación permitirá adicar todas as instalacións a olería, percorrendo todos os períodos creativos, e todas as propostas, desde as máis tradicionais ás máis innovadoras.

As dúas institucións dan así pasos adiante no proceso de renovación do Forno do Forte, propiedade da Deputación da Coruña con xestión de visitas por parte do Museo de Malpica de Bergantiños, institucións que asinarán en breve un novo convenio de colaboración que incluirá a modernización da cartelaría e a incorporación de nova sinaléctica e música ambiental.