Axudas á promoción endóxena dos produtos galegos de calidade diferenciada


A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), destina 3,7 millóns de euros ás axudas para o apoio ás actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, realizadas por grupos de produtores no mercado interior no exercicio 2021. 

Nesta convocatoria poderanse atender accións de información e promoción que se realicen durante todo o ano 2021 e as que finalicen, como máis tarde, o 31 de xaneiro de 2022. O orzamento para este ano é de 2,1 millóns de euros e para o 2022 de 1,6 millóns. 

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións de produtores, considerando como tales os consellos reguladores ou as entidades asociativas sen ánimo de lucro nas que participan produtores. Estes serían os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación implicados nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos. 

As actividades subvencionables serán as actuacións de información e promoción que teñan como finalidade inducir ás persoas consumidoras a adquirir produtos de calidade, isto é, con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida ou de produción ecolóxica. 

Nesta liña, entrarían as campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras accións de promoción, tales como catas comentadas, degustacións, presentacións públicas, etc. Tamén serán obxecto de subvención a participación ou organización de feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario ou eventos dixitais, máis acordes coa actual situación sanitaria. 

As solicitudes deberán presentarse por vía telemática, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para a súa presentación será de dous meses, polo que rematará o vindeiro día 25 de marzo.