50 millóns de euros para o segundo Plan de Rescate


A Xunta garante 50 millóns de euros para o seu segundo Plan de Rescate a autónomos, microempresas e hostalería. Eses fondos súmanse aos 86,2 millóns da primeira convocatoria, co que serán en total case 140 millóns de euros en apenas 90 días. 

Así o trasladaron onte vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; tras participar nunha reunión en Santiago de Compostela co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e con representantes das deputacións provinciais para abordar un plan consensuado de axudas para o sector da hostalería.

A Xunta lamenta que as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo non aceptasen os criterios xa aprobados na Comunidade Valenciana. Con eses baremos a Administración autonómica achegaría o 50% do plan total, as deputacións o 30% e os concellos o 20%. Iso permitiría incrementar a aportación xa comprometida pola Xunta nun 100%. 

Rueda incidiu na importancia de continuar co diálogo coas administración para que na reunión convocada para o mércores se alcance un consenso e que “os sectores afectados poidan coñecer a cantidade global a súa disposición e poidan empezar a percibir as axudas o antes posible con independencia da orixe dos fondos e concentradas nunha solicitude única”. A prioridade absoluta, segundo indicou o vicepresidente, será a axilidade no pago das axudas, ao igual que ocorreu co primeiro plan autonómico

A conselleira de Emprego e Igualdade, pola súa banda, volveu ofrecer ás administracións locais a “capacidade de xestión” da Xunta, que, como indicou, “demostrou ser eficaz cos prazos e a tramitación das axudas do primeiro plan”. 

Novidades 2º Plan Rescate

Ante as novas medidas que afectan á actividade da hostalería e outros sectores, simplificaranse os trámites do 2º Plan de Rescate para que as axudas sexan aínda máis rápidas. Unha das novidades propostas é que os autónomos non teñan que acreditar prestación por cese de actividade e tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar ás axudas.

Ao igual que o 1º Plan, o 2º contempla liñas destinadas a autónomos e microempresas, así como unha específica ao sector da hostalaría pechado por medidas sanitarias. As tres serán compatibles entre si e os perceptores de axudas no 1º plan de rescate poderán volver solicitalas e, de cumprir os requisitos, recibilas. Ademais, poderán optar, de cumprir cos requisitos, ao resto dos programas de apoios anticovid promovidos pola Administración autonómica. 

A Xunta estenderá as axudas ao sector da hostalaría aos establecementos que deban permanecer pechados por recomendación sanitaria pero tamén aos que soamente poidan servir comidas e bebidas en terrazas, para levar, ou entregar a domicilio.

O Goberno galego mantén a súa folla de ruta cara a deseñar, no marco do consenso, o seu 2º Plan de Rescate  e mañá mesmo celebraranse cadansúas xuntanzas cos representantes do diálogo social, Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos UXT e CCOO e, por outra banda, cos interlocutores da mesa do emprego autónomo. Estes encontros vense sumar aos celebrados nos últimos días, tanto co Clúster de Turismo, como coa Mesa negociadora da hostalería da que forman parte as principais asociacións provinciais do sector. 

Mobilizados cerca de 70 millóns 

A Xunta destinou no 1º Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector da hostalaría un total de 86,2 millóns de euros. A día de hoxe, están executados preto de 70 millóns que corresponden ao pago do 90% das solicitudes resoltas (máis de 40.000) de xeito favorable, polo cumprimento dos requisitos das diferentes liñas de axuda. 

A capacidade de xestión no abonamento das axudas fixo que antes de rematar o prazo de solicitude xa se efectuaran o 70% dos pagos, recaendo unhas 20.000 axudas no sector da hostalaría. O 31% dos establecementos deste sector percibiron entre 2.700 e 3.500 euros; o 21%, entre 5.500 e 6.500 euros; e o 15,2%, entre 6.700 e 8.500 euros, por un importe total de 38 millóns de euros destinados unicamente a esta actividade.