Uso do autobús de baixas emisións como medio de transporte público sostible

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defendeu ante o 141º pleno do Comité Europeo das Rexións (CDR) a necesidade de potenciar as comunidade rurais e o uso  do autobús de baixas emisións. 

Neste pleno, que rematou onte tras tres xornadas, presentáronse para a súa aprobación un total de nove ditames. Ademais, leváronse a cabo debates, que contaron coa intervención de varios comisarios europeos, sobre asuntos como o novo Pacto de Migración e Asilo ou o  o programa de traballo da Comisión Europea. Un tema, este último, sobre o que o CdR tamén presentou unha resolución.

Entre os ditames a aprobación no pleno, Galicia presentou emendas a dous deles. Por unha banda, ao ditame “Estratexia da UE para a recuperación das zonas rurais”, co obxectivo de potenciar a participación das comunidades rurais no coidado e mantemento dos recursos naturais, fomentar as medidas que eviten o despoboamento, apoiar a formación para o emprego e axudar á instalación de mozos emprendedores. Doutra banda, presentou emendas ao ditame “Desafíos do transporte público nas cidades e áreas metropolitanas”, no que Galicia avogou por que as medidas de apoio e impulso recollidas contemplen outros medios de transporte colectivo, como o autobús de baixas emisións.

Outras emendas presentadas por rexións españolas a ditames como “Cara a un turismo máis sostible para as cidades e rexións da UE” ou “O impacto do cambio climático nas rexións: avaliación do Pacto Verde Europeo” tamén contaron co apoio galego.

Ademais, o  CdR tamén presentou a “Resolución sobre o programa de traballo da Comisión Europea para 2021”, no que reclama unha maior participación dos entes locais e rexionais nos próximos plans nacionais de reforma, na aplicación das políticas de mitigación do cambio climático e na preservación dos recursos naturais. Así mesmo, a resolución subliña a necesidade de abordar outros aspectos, como a infraestrutura de transporte transfronteirizo no marco da revisión do Regulamento sobre a rede Transeuropea de Transporte (RTE_T) e que se garanta o despregamento da rede 5G tanto en zonas rurais como urbanas. 

Tamén neste pleno se debateu acerca da situación do Brexit. Os membros do CdR amosaron a súa preocupación polo estado das negociacións e sobre a futura relación co Reino Unido, nun debate que contou coa intervención do alcalde de Londres, Sadiq Khan, e do presidente do Consello Rexional de Bretaña e presidente do grupo de traballo do CdR co Reino Unido, Loïg Chesnais-Girard.