Unha nova IXP vinícola asoma a cabeza: Terras do Navia


O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia, que amparará os viños producidos na bacía do río Navia. A zona delimitada está situada ao nordeste da provincia de Lugo e abrangue o concello de Negueira de Muñiz e varias parroquias da Fonsagrada e de Navia de Suarna. 

Con esta publicación dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supón un primeiro paso de cara a súa inscrición no rexistro europeo. A solicitude publicouse tamén no Boletín Oficial de España (BOE) do pasado día 3 de decembro e, agora, ábrese un prazo, que finaliza o vindeiro 22 de febreiro, para que calquera que teña a consideración de interesado poida presentar alegacións. 

Os trámites para a inscrición desta indicación xeográfica iniciounos a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, Agora, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos legais, elaborouse o prego de condicións, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades, todas elas autóctonas, como as brancas albariño, branco lexítimo, godello e loureira ou as tintas albarín tinto, mencía, merenzao, brancellao e caíño tinto. 

A posta en marcha desta denominación facilitará a comercialización das producións da zona e servirá para potenciar outras actividades económicas nese territorio, nomeadamente as relacionadas cos servizos turísticos. Por outra parte, a potenciación das nosas producións agroalimentarias e, en particular, as acollidas aos diferentes indicativos de calidade favorece a economía da comunidade autónoma. 

Unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no Diario Oficial da Unión Europea. Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro, pero previamente, unha vez que pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada «protección nacional transitoria», mecanismo que permitiría que a indicación xeográfica se puidese usar en España mentres continuase o proceso de tramitación da inscrición a nivel europeo.