Turismo da Coruña asina convenio de colaboración con Hospeco


O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e a Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco) asinan un convenio de colaboración para a apoiar os hospedaxes locais e a promoción turística da cidade por valor de 150.000 euros. Á sinatura do convenio, que foi aprobado por unanimidade na Xunta de Goberno do Consorcio, acudiron o concelleiro de Turismo do Concello da Coruña e presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, a xerenta de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud e o presidente de Hospeco, Richard Huerta. 

Juan Ignacio Borrego apuntou que “este acordo ten como obxectivo financiar actividades que axuden o sector a facer fronte ás perdas sufridas no actual contexto da pandemia”. Ademais, sinalou que “o público obxectivo ao que pretenden chegar as accións enmarcadas neste convenio é de máis de 500.000 persoas que pretenden visitar a cidade por razóns de ocio ou de negocio”.

O convenio distingue dous tipos de subvencións: unha para sufragar os gastos que o sector da hospedaxe realizou en 2020, por valor de até 50.000 euros, e outra para accións a contratar polo Consorcio de Turismo para o ano 2021, por valor de 100.000 euros.

Canto á subvención para sufragar os custos deste sector no 2020, deberán xustificar economicamente as accións que estean relacionadas coa dixitalización, innovación, dinamización e apoio ao turismo MICE (Eventos, Incentivos e Congresos) a través da elaboración dun vídeo de promoción para o sector, unha app coa axenda deportiva, cultural e MICE da cidade, e unha campaña de comunicación, entre outras.

A subvención para as accións a desenvolver no 2021, que deberán estar sempre vencelladas á promoción turística, serán sobre á cesión de tarxetas Coruña Card, a contratación de tours turísticos a través da APIT (Asociación Profesional de Guías de Galicia), creación de merchandising hoteleiros e dunha plataforma en liña de venta de experiencias turísticas ou o desenvolvemento web con plataforma de venta dixital, entre outras.

Hospeco é unha entidade que ten como obxectivos representar e defender os intereses do sector e o desenvolvemento e potenciación da promoción turística da cidade. Dese o inicio da pandemia, tivo unha interlocución moi intensa coa presidencia e xerencia do Consorcio para ofreceren accións conxuntas dirixidas á reactivación do sector turístico da Coruña. Desde a asociación aseguran que a crise da COVID-19 desencadeou unha situación de grande incerteza, producindo un parón en seco na actividade turística que supuxo o peche de moitas empresas do sector.