Recoñecemento ao compromiso da cidadanía na promoción dos valores das rutas xacobeas


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde no acto de entrega dos Premios Camiño de Santiago 2019 para recoñecer a contribución da sociedade galega na preservación dos valores xacobeos. Os galardóns concédense a institucións, asociacións de amigos do Camiño de Santiago, pemes, investigadores e centros educativos para recoñecer a súa traxectoria e compromiso na posta en valor das rutas xacobeas a través de actuacións de mellora e conservación ou traballos de divulgación. 

Ao acto acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insúa; e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Tamén se rendeu homenaxe a título póstumo a Megumi Shiozawa, que como presidenta da Casa Galicia Xapón axudou a estreitar as relacións entre a comunidade galega e o país nipón e, no ámbito das peregrinacións, reforzou a irmandade entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, ambos catalogados como Patrimonio Mundial pola Unesco. 

No apartado destes premios destinado a recoñecer iniciativas ou actuacións promovidas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, tanto nacionais como internacionais, resultou premiada a Fundación de Acollida Cristiá nos Camiños de Santiago polas actividades de divulgación coas que dar a coñecer o Xacobeo 2021. Ademais, incluíuse unha mención especial para a Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago en Madrid debido á súa importante labor de dinamización e formación. 

A nivel internacional, compartiron premio a Asociata Prientenilor Camiño de Santiago e a Asociación Irmandade de Santiago de Chile Amigos do Camiño de Santiago de Chile, por divulgar as rutas xacobeas en Romanía e Chile respectivamente. 

Os premios tamén distinguiron a Leidiz co primeiro premio na categoría das actividades desenvolvidas por pequenas e medianas empresas polo seu proxecto para percorrer a Ruta do Mar de Arousa e o río Ulla en kaiak; mentres que o segundo premio recibiuno Tdinet App, que presentou unha aplicación móbil, que permite acceso á información seleccionada sobre unha ruta do Camiño en concreto.

Finalmente, na categoría destinada a investigación, dentro da modalidade dirixida a centros de investigación, foi premiado o profesor Albert Feliu Soler polo carácter innovador do seu traballo sobre o benestar psicolóxico que provoca a peregrinación xacobea. E na segunda modalidade para os centros de ensinanza non universitaria, o premio recaeu no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Oroso, polas actividades destinadas a promover o Camiño. 

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou o traballo da Xunta para contar cun Xacobeo 2021 diferente pero o mellor dos posibles nos que se precisa da implicación de toda a cidadanía co obxectivo de levar a cabo un Ano Santo participativo, descentralizado e sostible. Por iso, incidiu en que iniciativas coma estas ou as axudas de “O Teu Xacobeo” a proxectos de dinamización contribúen a fomentar a colaboración do conxunto da sociedade coas administracións no fomento dos valores do Camiño de Santiago.