PURAGA insta aos galegos a celebrar o Nadal con carne de Poldro


Italia tense convertido nun dos países que máis carne del poldro merca, do que Galicia é un dos seus principais puntos de abastecemento, xunto a Navarra e Cataluña, as tres comunidades á vangarda na produción desta carne en toda España.

A calidade do produto autóctono, sumada ás súas propiedades nutricionais e sensoriais e á versatilidade no seu corte, fai que estea a recuperar presenza tamén en Galicia e que haxa establecementos que volvan ofertalo, dando continuidade á súa arraigada tradición.

A Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA) convida aos galegos a innovar este Nadal decantándose para as súas celebracións pola carne de poldro, un produto que na actualidade se destina na súa práctica totalidade á exportación. 

Deste xeito, a entidade chama a “corrixir esa tendencia e a amosar o compromiso de todas e todos nós co que é propio, co que sempre estivo no noso ADN e co que tradicionalmente era un dos pratos máis valorados polos nosos ancestros”, sinala Isabel Casariego, representante do colectivo. 




Tal como explica Isabel Casariego, “logo dunha situación sociosanitaria sobre a que todas as persoas temos reflexionado moito, dende PURAGA pensamos que este Nadal é un bo momento para poder pechar integramente o círculo deste produto en Galicia”, xa que, segundo lembra, “tanto a economía circular coma a contribución á sostibilidade dos nosos montes con animais criados en semiliberdade son valores que quedan claramente patentes nesta carne e que deberamos ter en conta”. 

A carne de poldro, que sobresae polas súas propiedades nutricionais, tense revelado segundo diversos informes coma unha das máis saudables, non só pola súa achega en proteínas ou pola baixa proporción en colesterol (catro veces menos có polo, con 20 miligramos fronte aos 78 da ave), senón tamén polo reducido nivel de graxa, 20 veces inferior ao do porco (de 1 a 3 gramos no caso do poldro, que contrastan cos 23-32 do outro animal). 

Finalmente, o feito de que diversos establecementos espallados pola xeografía galega estean a ofrecerlles aos seus clientes esta carne -algúns deles abastecendo mercados nos que fora desaparecendo en anos anteriores- certifica o bo estado de saúde deste alimento “que nos gustaría que as persoas galegas valorasen tanto coma o fan os mercados internacionais”, asegura Casariego, ao tempo que eloxia a creatividade dalgún produtor galego, coma Mario Rouco, quen combina “dous dos principais manxares da nosa gastronomía nun único produto”, como é o salchichón de porco celta e de carne de poldro.