#PonteLovers prepara o desembarco dun universo de fantasías de Nadal


A Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, a través da plataforma #PonteLovers, iniciará nos vindeiros días o desembarco dun universo de fantasías de Nadal en diversos barrios de Pontevedra. A través dun despregue de elementos decorativos pensados para que os máis pequenos se somerxan no espírito do Nadal, a iniciativa impulsada pola concelleira socialista Yoya Blanco chegará ata parques e prazas de Monte Porreiro, Amalia Álvarez, Os Salgueiriños, A Parda e o casco vello.

Blanco constata que a súa intención é que “a ilusión, a imaxinación e as luces do Nadal non queden unicamente no centro urbano, senón que se estendan por outros puntos da cidade e do municipio”. Así, no parque da Praza de Europa, centro neurálxico de Monte Porreiro, instalaranse dúas setas de gran tamaño (unha unidade de 350 cm. de altura e un 200 cm. de diámetro e outra de 170 cm. de altura e 120 de diámetro), catro conos pino-abeto de 3 e 2 metros de altura con iluminación, e outras pezas iluminadas tanto interior como exteriormente.

Na Praza de Amalia Álvarez despregarase un poboado de elfos con tres casas infantís de entre 350 e 200 cm. de altura e 250 e 200 cm. de ancho, iluminadas tanto interior como exteriormente; valos de madeira, céspede artificial e ‘attrezzo’ para debuxar os camiños do poboado). Os que se acheguen durante estas datas ata a Praza do Marqués de Aranda poderán atoparse coa figura dun reno humanizado, flanqueado por árbores iluminadas con micro-lámpadas de led e fío de led. “En todas estas instalacións colocarase tamén un cartel de 50 por 60 cm. da Concellería de Promoción Económica.

O Parque Damián, no barrio da Parda, estará dominado por un xogo de barco de resina de tres por tres metros, con iluminación e acompañado de áncoras como complemento decorativo, mentres que a Praza da Cítara, nas inmediacións da barriada de Os Salgueiriños e o colexio Sagrado Corazón, contará cun xogo de globos (tres unidades) totalmente iluminados e a figura dun gnomo con capucha de Papá Noel.

Yoya Blanco avanza que “nos vindeiros días daranse a coñecer máis novidades en torno ao agardado programa Ponte Xogos e a outras iniciativas enmarcadas na campaña de Nadal, entre elas un concurso de escaparatismo”.