Plan de choque para o reforzo do sector turístico, con seguro de coronavirus,


A Xunta porá en marcha o próximo ano un Plan de choque para o reforzo do sector turístico que estará dotado con 35,7 millóns de euros. Incluirá, entre outras medidas, o seguro coronavirus, iniciativas de incentivos ao consumo ou o apoio á creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia.

Así o precisou hoxe o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, durante unha comparecencia no Parlamento galego, onde deu conta das medidas postas en marcha pola Administración autonómica para facer fronte á crise sanitaria do coronavirus, así como para paliar as súas consecuencias económicas e sociais.

Neste contexto, avanzou que a Xunta porá en marcha o próximo ano un Plan de choque para o reforzo do sector turístico que inclúe, entre outras medidas, o seguro de coronavirus, que cubrirá os custos sanitarios, de transporte e aloxamento que se deriven da posible situación de contaxio de covid-19 dun viaxeiro e/ou o seu acompañante.  Ademais, inclúense outras actuacións de incentivos ao consumo, como a renovación do Bono Turístico, con 6 millóns de euros; a reedición do programa de promoción do turismo interno Elixe Galicia, con 1,3 millóns de euros; ou a creación dunha nova liña de apoio para o fomento da cooperación entre turoperadores co obxectivo de que creen paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia, dotada con 1,2 millóns de euros. En total, o Plan de choque suporá un orzamento de 35,7 millóns de euros.

Este Plan cubrirá ademais, no caso de ser precisas, axudas directas e específicas ao sector da hostalería, ademais de multiplicar case por tres o investimento da liña de axudas orientadas a mellorar os aloxamentos e restaurantes galegos, que pasa de 1,5 a 3,5 millóns de euros. 

Cómpre recordar que a Xunta ten posto en marcha un completo apoio a empresas e autónomos, con maior atención aos sectores especialmente paralizados e, especialmente, á hostalería, unha das actividades máis afectadas polas restricións sanitarias.

Así, a Xunta lanzou un Plan de rescate para os sectores máis afectados pola pandemia, dotado con 84 millóns de euros, que foi elaborado en diálogo cos seus destinatarios. Inclúe tres liñas de axudas, complementarias e acumulables entre si: a de persoas autónomas; a de microempresas e/ou autónomos con empregados; e a dirixida ao sector hostaleiro pechado polas restricións que se impuxeron desde o mes de outubro. Nos últimos días, estas tres liñas teñen recibido máis de 37.000 solicitudes.

Estas axudas compleméntanse cunha nova liña de préstamos directos para autónomos e pequenas empresas con máis problemas de liquidez, dotada con 10 millóns de euros. Ademais, no caso concreto da hostalería, está activa unha convocatoria de 3 millóns de euros para financiar a adaptación de terrazas e a adquisición de elementos de envasado de comida e bebida; ademais do Plan específico dirixido ao ocio nocturno, lanzado hai semanas para axudar ao sector que máis tempo estivo pechado totalmente.

Non só se está a apoiar á hostalería, senón que a Xunta tamén habilitou apoios específicos a outros sectores especialmente afectados como o transporte público, co novo pagamento, hai dúas semanas, de 20 millóns de euros para evitar a quebra das empresas; o eido marítimo-pesqueiro, co Plan Avantemar de reactivación, dotado con 77 millóns de euros; ou aos produtores de planta ornamental, flor cortada, carne de vacún e viño, con axudas e cun instrumento financeiro nos que a Xunta inviste 18 millóns de euros. Un compromiso cos sectores máis afectados que continuará, sempre que sexa necesario, no 2021.

En calquera caso, o traballo da Xunta non se limitou tan só á posta en marcha de apoios específicos aos sectores económicos especialmente paralizados, senón que levou a cabo un traballo inxente de adaptación e reforzo de servizos públicos como a educación, a sanidade ou a Administración de Xustiza; así como ten traballado intensamente na coordinación entre administracións.

Así, no ámbito da educación estanse a investir 162 millóns de euros para atender ás necesidades xeradas polo coronavirus, ademais de estar implantando outras medidas como o Plan de ensino virtual ou a realización de PCRs aos estudantes. 

Ademais, a Xunta implementou o Plan para axilizar a actividade xudicial; traballa na coordinación das forzas e corpos de seguridade a través das reunións semanais da Sacop (Sala de Coordinación Operativa); reforzou os operativos da Policía autonómica, que xa ten realizado máis de 57.000 actuacións específicas desde o inicio da pandemia; e implantou un convenio de colaboración cos concellos para a tramitación dos seus procedementos sancionadores, un convenio ao que xa se teñen adherido 33 entidades locais.

No ámbito estritamente sanitario, o vicepresidente primeiro recordou medidas como o segundo cribado de todo o persoal que traballa en centros sanitarios; o acordo sindical para o Plan de continxencia, que permitirá 1.200 contratacións de entre 6 meses ou un ano; ou o duplicado da frecuencia dos cribados por PCR ao persoal das residencias.

Ademais, os orzamentos para 2021 en materia de sanidade recollen 115 millóns de euros para manter os contratos de reforzo e facer fronte ás novas necesidades; 45 millóns para EPIs en atención primaria e hospitalaria; ou un incremento de máis de 18 millóns de euros para as partidas de laboratorio.

Implicación do Goberno central

Por último, o vicepresidente primeiro volveu reclamar a necesaria implicación do Goberno central, co obxectivo de que se sume ao esforzo que está a realizar a Administración autonómica neste ámbito. 

Recordou catro demandas fundamentais e urxentes: a aclaración dos criterios de reparto dos fondos Next Generation; a dotación dunha lexislación sanitaria adecuada ás necesidades actuais; a atención a sectores especialmente paralizados, con medidas como a baixada do IVE turístico ao 4% ou a ampliación dos ERTES; e, un punto fundamental, a incorporación das necesidades e potencialidades de Galicia ao proxecto de Orzamentos do Estado para 2021, tendo en conta que Galicia recibirá a cifra máis baixa dos últimos 15 anos e que, ademais, non se recolle ningunha partida para o Xacobeo 2021.