Os xornalistas analizarán a influencia da pandemia na igualdade e na violencia de xénero

A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) celebrará os próximos 10 e 11 de decembro, en Santiago, o congreso “Medios de comunicación en tempos de COVID-19: influencia da pandemia na igualdade e na violencia de xénero”. Organizado coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, o congreso foi presentado esta mañá, en Compostela, no decurso dunha rolda de prensa na que participaron a presidenta da APG, María Méndez, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Na súa intervención, Méndez contextualizou a oportunidade deste foro na advertencia da ONU de que “este virus pode acabar con toda unha xeneración de progresos cara a igualdade e nos obriga a realizar un esforzo engadido por non perder nin un ápice das conquistas acadadas”. En palabras da presidenta da APG, o congreso pretende servir “para analizar se se están xenerando efectos perversos no ámbito informativo sobre a percepción da igualdade de xénero e a violencia machista”, tendo en conta que o foco informativo principal está posto nas consecuencias sanitarias e económicas. “Interésanos saber, subliñou, ata que punto os contidos que versan sobre a igualdade de xénero sucumbiron tamén á preeminencia do COVID-19 e ata que punto as fontes informativas decaeron no seu interere pola igualdade”.

Pola súa banda, a secretaria xeral, López Abella, apelou á necesidade de “promover entre os medios de comunicación unha maior sensibilización sobre a violencia de xénero e coas vítimas, dándolle a estes delitos a importancia que merecen para erradicalos”. Sustentou esta afirmación nos datos ofrecidos pola macroenquisa realizada por Goberno galego o pasado mes de xullo sobre a percepción da sociedade galega sobre a violencia de xénero. Á pregunta relativa ao tratamento informativo desta lacra durante o confinamento, ao redor do 56% considera que os medios non lle dan toda a importancia que deberían. E o 65,5% da poboación residente en Galicia pensa que a violencia de xénero aumentou durante o período de confinamento. 

Asemade, a secretaria xeral da Igualdade chamou a atención sobre a cada vez maior porcentaxe de poboación que recoñece a violencia de xénero como un problema social que incumbe a toda a sociedade; unha porcentaxe que esta macroenquisa sitúa no 80%, é decir, 10 puntos por riba da taxa rexistrada na enquisa realizada en 2012. 

Á luz destes datos, López Abella reiterou o compromiso da Consellería de Emprego e Igualdade para “seguir incidindo na aplicación de políticas públicas dirixidas á totalidade da poboación galega, con mensaxes de concienciación e sensibilización que se amosa están dando resultados, e poremos o acento na prevención e en desmontar roles, ideas e estereotipos aínda moi arraigados no eido da violencia machista”. E rematou sinalando que este congreso “será fundamental para seguir traballando na procura de informar, sensibilizar e concienciar sobre a importancia que teñen os medios de comunicación no tratamento da violencia machista”.

O congreso, que terá lugar no hotel Puerta del Camino en formato híbrido -presencial e online- ten como obxectivo afondar desde distintos puntos de vista na análise da influencia da pandemia na perspectiva de xénero e avaliar se a crise do coronavirus está a relegar a igualdade e a violencia de xénero na atención informativa.

Panel de relatoras

Na primeira xornada, o 10 de decembro, participarán tres mulleres que atesouran unha ampla e brillante traxectoria profesional nos seus respectivos ámbitos: Irena Moozova, Rosa María Calaf e Luba Kassova. A conferencia inaugural correrá a cargo da directora de Igualdade da Dirección Xeral de Xustiza da Comisión Europea Irena Moozova, coa intervención titulada “Supeditará o COVID-19 as políticas europeas de igualdade?”. A seguir, a experimentada xornalista Rosa María Calaf, excorrespondente internacional, convidará á reflexión co seu relatorio “É o xornalismo esencial para derrubar estereotipos?”.  E xa na sesión de tarde, a quenda será para Luba Kassova, autora do informe “The missing perspectives of women in Covid-19 news”, realizado para a Bill&Melinda Gates Foundation. O título da súa conferencia é: “Onde están as mulleres na cobertura informativa e científica do COVID-19?”.

Na primeira xornada tamén está prevista unha mesa de debate baixo o epígrafe “Formación universitaria en igualdade: materia pendente?”, na que intervirán Iria Vázquez, profesora de Socioloxía e investigadora da Universidade de Vigo, e Marta Pérez, profesora de Comunicación Audiovisual e codirectora de CO(M)XÉNERO da Universidade de Santiago de Compostela. 

A segunda xornada do congreso contará coa participación de María Dolores Fernández, Valedora do Pobo, que ofrecerá a conferencia titulada “Incidencia do COVID-19 na igualdade e na violencia de xénero”; e de Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), co relatorio “Como influíu a menor atención informativa sobre a violencia de xénero en tempos do COVID-19?”.

O programa do congreso complétase con catro paneis de debate ao longo das súas xornadas, nos que participarán máis dunha trintena de xornalistas de medios de comunicación galegos e nacionais. Na primeira mañá Mundiario paticipará no panel: “Medios digitales y su influencia en la percepción sobre la igualdad y la violencia de género”, coa súa partner María Campos, da revista HGgT.