Os produtos e servizos das reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses terán marca propia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu os órganos reitores das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial. Os encontros, que acolleu o Salón de Actos do Pazo de San Marcos, serviron para realizar os correspondentes balances das actividades realizadas neste ano 2020 e abordar os proxectos de futuro que se van impulsar. Neste sentido, José Tomé avanzou a creación dunha marca para os produtos e os servizos de cada unha das reservas, que visibilice, dea valor e diferencie a súa procedencia, profesionalidade e calidade, o que suporá un “salto cualitativo moi importante para o desenvolvemento sostible destes territorios e, polo tanto, para fixar poboación”.

As dúas marcas - Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses- xa están rexistradas na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM). Agora, unha vez conseguido o rexistro da marca, a Deputación empezará a traballar nun regulamento consensuado cos produtores e empresarios que desexen empregar este distintivo na etiquetaxe dos seus produtos e servizos. Esta marca tamén lles permitirá empregar o distintivo xenérico de Reservas da Biosfera Españolas, que destaca e diferencia todos aqueles produtos naturais e artesanais dos territorios recoñecidos como Reservas da Biosfera en España, actuando como unha marca paraugas que as aglutina a todas. 

A marca estará orientada aos produtos agroalimentarios e artesanais de calidade, perotamén se poderá aplicara servizos turísticos (aloxamentos, restauración ou empresas turísticas) que poden á súa vez crear sinerxías cos produtores locais, promovendo unha imaxe integral de calidade de produtos e servizos nas Reservas da Biosfera.

Grupos de traballo

O mandatario provincial destacou que o proceso de creación das marcas Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses será participativo, dado que “responde á solicitude dos diversos axentes do territorio, pero tamén porque a impulsaremos a través de grupos de traballo abertos a calquera persoa ou entidade integrada nas reservas que queira tomar parte no proceso”.

Estes grupos servirán para ter unha ponte de enlace entre a administración e os sectores produtivos interesados, e para definir os produtos e servizos para os que está orientada a marca. 

As persoas que desexen participar nestes grupos de traballo -un por cada Reserva- poderán solicitar adherirse durante o mes de xaneiro de 2021 e ser así un membro activo na posta en marcha das marcasdas reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.