Os Premios da D.O. Ribeiro recoñecen a Esther Daporta e a Francisco Gil

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro outorga a Esther Daporta o “Premio Muller e Viño” e ao xornalista Francisco Gil, do programa Cousas de Comer, o “Premio ao Mellor Labor de Comunicación”, na novena edición dos seus galardóns.

Os Premios da D.O. Ribeiro celebraranse o venres 18 de decembro, ás 10.30 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, no que suporá un grande antecedente para o Nadal. Será unha gala distinta e híbrida, con asistencia limitada ao recinto pero aberta a todos os amigos da Denominación máis antiga de Galicia a través das súas canles de comunicación.

Esther Daporta, “Premio Muller e Viño”

Esther Daporta acada o “Premio Muller e Viño” nesta edición do 2020. A sumiller do restaurante Yayo Daporta dende 2005 é unha espelida profesional que gusta de seguir aprendendo percorrendo adegas e restaurantes de toda Europa, para dar deste xeito o mellor servizo aos clientes dun restaurante que é parada obrigatoria en Cambados, recoñecido cunha estrela Michelin ou dous soles Repsol.

Francisco Gil, de Cousas de Comer, “Premio ao Mellor Labor de Comunicación”

Francisco J. Gil, que dirixe o programa Cousas de Comer, e que se emite por Telemiño ou Televigo, recibirá o galardón ao mellor labor en comunicación. Dende a súa chegada no 2008 informa semanalmente da actualidade enogastronómica galega e do norte de Portugal; e ofrece reportaxes que poñen o foco nos produtores e restauradores. O programa Cousas de Comer é o decano dos programas gastronómicos de televisión. Leva en pantalla 672 semanas (contando co programa de onte, 8 de decembro). Dende o C.R.D.O. Ribeiro queren salientar especialmente a súa atención aos viticultores e adegueiros desta denominación.

 Esther Daporta sucede á enóloga Isabel Mijares, galardoada no 2019 co Muller e Viño, e súmase a unha listaxe na que están Sonia Prince de Galimberti, presidenta da Asociación de Mujeres Amantes de la Cultura del Vino AMAVI; Mónica Fernández, sumiller e directora de sala do Grupo Bambú; ou Mayte Santa Cecilia, das tendas de Bodega Santa Cecilia.

Entre os galardoados en anteriores edicións como mellor labor de comunicación están O Agro – Labranza da Televisión de Galicia; os xornalistas Víctor de la Serna e Joan Gómez Pallarés; ou Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola.

 O día 18 recoñecerase tamén aos mellores viños brancos e tintos na cata oficial, de adega e de colleiteiro.