O Gran Prix Carrilanas de Esteiro reclama o marchamo de Festa de Interese Turístico Nacional


Dúas décadas despois desde que o Gran Prix das Carrilanas de Esteiro goza do recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, a Xunta vén de informar favorablemente a concesión da categoría de interese turístico nacional para este evento. 

Malia que nesta edición non se puido levar adiante a tradicional competición, e segundo a documentación remitida pola Asociación Deportiva e Cultural Esteirana de Carrilanas, que é a entidade promotora da solicitude, a Administración autonómica vén de remitirlle á Secretaria de Estado de Turismo, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente administrativo co informe favorable para a declaración desta festa co distintivo de interese nacional. 

O informe remitido por Turismo de Galicia ao Ministerio recolle así que, de acordo coa documentación presentada pola entidade promotora, o evento cumpre os requisitos preceptivos para que sexa valorada pola Secretaría de Estado de Turismo, organismo competente para formalizar esta distinción. 

O primeiro deles é que a celebración conte previamente coa declaración de festa de interese autonómico, recoñecemento do que goza desde o ano 2000. Pero, ademais, na súa avaliación Turismo de Galicia tivo en conta, entre outros factores, a súa singularidade, o seu recoñecemento como evento de referencia no verán galego así como a súa aposta pola recuperación das carrilanas, vehículos de madeira artesanais que unen o evento directamente cos xogos populares, as tradicións e a cultura galegas. 

O Gran Prix Carrilanas de Esteiro, que se celebra todos os meses de xullo desde 1988, atópase así plenamente consolidado con máis de 80 carrilanas participantes e 30.000 persoas de público que se dan cita para o descenso destes vehículos sen motor por un circuíto de aproximadamente 3 quilómetros. 

Ademais, a Xunta valorou favorablemente a existencia de capacidade de acollida para os visitantes, a súa continuidade no tempo e o seu arraigo e impacto na poboación así como o especial coidado coa contorna onde se leva adiante a competición, entre outros aspectos.