Tempo de Nadal na capital das Rías Baixas


O Concello de Pontevedra abrirá mañán xoves o poboado de Nadal da Ferraría “Tempo de Nadal”. Neste novidoso poboado as persoas poderán sacar instantáneas nas distintas escenas de Nadal habilitadas na contorna da gran árbore da Ferraría. Ademais, tamén se instalaron 15 casetas onde os visitantes poderán mercar produtos típicos como decoracións de árbore de Nadal, ilustracións e felicitacións, grinaldas, xabóns naturais, coroas e centros secos, centros de mesas, papel decorativo, axendas, contos infantís, nacementos, pero tamén se instalaron catro casetas de produtos gastronómicos vinculados con estas datas como bombóns, panettones, pandoros, polvoróns e doces típicos.

Tempo de Nadal estará na praza da Ferraría até o 5 de xaneiro ás 19.00 horas. Ate ese momento, as persoas que o desexen poderán visitalo en horario de 12.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Os venres, sábados e domingos estará aberto até as 21.00 horas e os días 24 e 31 de decembro estará pechado.

Tempo de Nadal disporá dun control de seguridade Covid en todo o recinto que estará aforado e con controis de acceso dende as catro portas do recinto. No caso de que sexa moi demandado a organización pechará as portas e disporá dunha única entrada e unha única saída. As persoas que accedan pasarán por unha alfombra hixienizante e deberán empregar hidroxel para as mans, velarase polas distancias de seguridade e será obrigatorio o uso de máscara.