Murais da nosa lingua resalta el patrimonio literario da Estrada

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron na Estrada os traballos de elaboración do proxecto Murais da nosa lingua, promovido pola asociación Ocionautas para visibilizar e poñer en valor, nomeadamente entre a mocidade, o patrimonio literario desta vila a través de graffitis inspirados nos estradenses que deixaron a súa pegada nas letras galegas.

“Murais da nosa lingua quere renderlle tributo e concederlle espazos propios de visibilización aos estradenses máis universais da literatura escrita na nosa lingua”, destacou o secretario xeral, quen felicitou a Ocionautas pola iniciativa.

Pola súa parte, a directora xeral sinalou “a importancia de adaptar un dos rexistros propios da mocidade, como son os graffitis, para este fin” e de “conxugar creatividade, modernidade e tradición para homenaxear clásicos estradenses do sistema literario galego e facer partícipes os mozos e mozas da súa contribución á cultura do país”.

Acompañáronos na visita o tenente de alcalde, Juan Constenla; e a responsable de Ocionautas, Annie Sánchez.

Lingua ilustrada en graffiti urbano

O proxecto Murais da nosa lingua, promovido e desenvolto pola asociación Ocionautas inclúe unha serie de graffitis urbanos de gran dimensión en edificios emprazados no casco urbano estradense.

O primeiro deles está dedicado aos irmáns Marcial e Avelina Valladares e ao dramaturgo Manuel Varela Buxán e loce xa no muro exterior da Casa das Letras. O seguinte terá como anfitrioa a Virxinia Pereira, esposa de Alfonso D. R. Castelao, e o terceiro, en homenaxe a Manuel García Barros, ocupará un dos laterais do Teatro Principal.

A iniciativa amosa e consolida a localidade pontevedresa como unha das vilas literarias galegas máis comprometidas coa promoción do idioma e da cultura de Galicia, sumando esta acción de promoción da lingua ilustrada en graffiti urbano aos recoñecidos certames literarios que distinguen obras e creadores no ámbito das letras (Premio de Novela Manuel García Barros, Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, Premio de Poesía Avelina Valladares ou Premio de Teatro Varela Buxán).