Fame de Experiencias acadou 12 premios en festivais internacionais


O destino Pontevedra Provincia deu en 2020 un gran paso adiante na súa proxección internacional tralo exitoso percorrido de Fame de Experiencias polos festivais que compoñen o circuíto do Committee of Tourism Film Festivals (CIFFT), a cita máis prestixiosa do mundo na industria do marketing de vídeos de viaxes. A propia participación neste circuíto ten un efecto multiplicador na difusión do destino ao chegar ao público internacional que é, precisamente, un dos grandes retos que se marcou a Deputación de Pontevedra no Plan Estratéxico de Turismo.

O vídeo da Deputación que rende homenaxe ás produtoras e produtores da provincia, producido por Esmerarte Industrias Creativas, recibiu premios en 11 festivais da rede, unha traxectoria que coroou co título de Mellor Película de Produto Turístico do Mundo no World's Best Film Award da CIFFT. A este impresionante palmarés súmase un décimo terceiro galardón internacional ao lograr a distinción como Mellor Película de Promoción de Produto Turístico Español no FITUR Travel Film ¬ 2020, neste caso alleo ao circuíto da CIFFT. Ademais "Fame de Experiencias" obtivo votos desde 41 países na votación popular que convoca a CIFFT para entregar o People's Choice Award, no que é o público o que elixe as cintas gañadoras. "Hunger for Experiences" acadou as 28.000 visualizacións na rede social Vimeo, desde a que podía visualizarse para votar.

O Grand Prix da CIFFT constitúe un importante apoio para potenciar a marca dos destinos turísticos que presentan os seus traballos á rede de festivais. O seu impacto alcanza a 250 millóns de persoas de 166 países e os contidos que xera nas webs superan as 325.000 páxinas vistas. Nesta Rede, Fame de Expreincias resultou premiado no Tour Film Fest de Bulgaria, Tourfilm RIGA de Letonia, New York TV&Film Festival (EE UU), Das Goldene Stadttor de Berlín (Alemaña), US international Film & Video Festival de Los Ángeles (EE UU); Silafest en Serbia; Terres Travel Festival de Tortosa (España), Turizm Filmleri Festival de Cappadocia (Turquía); International Tourism Film Festival de Viseu (Portugal), Amorgos Tourism Film Festival (Grecia) e Zagreb Tour Film Festival (Croacia).

O título de Mellor Película do Mundo nos World's Best Tourism Film Awards, os chamados Premios Oscar do Turismo, entregados este ano nunha gala celebrada desde Viena, supuxo a guinda para o percorrido internacional do vídeo da Deputación. Con este recoñecemento a provincia de Pontevedra converteuse na única do estado en obter un primeiro premio neste prestixioso evento.

A película da Deputación foi o eixo central da campaña do destino turístico Pontevedra Provincia en 2019. Trátase dunha emotiva homenaxe a todas as produtoras e produtores da provincia, que co seu esforzo diario coidan e subministran unha materia prima de excelencia que está na base da recoñecida gastronomía da provincia a nivel internacional.