Encontro entre representantes de máis de 15.000 guías turísticos de toda España

A directora de Turismo de Galicia participou vía streaming na Asamblea Xeral que a Confederación Española de Federaciones y Asociaciones Profesionales de Intérpretes del Turismo (CEFAPIT) celebra na capital galega. Un encontro que servirá para fixar a folla de ruta deste colectivo para 2021 ademais de seguir representando os seus intereses a nivel nacional, europeo e mundial. 

Na apertura da Asemblea, na que tamén estiveron presentes o subdirector xeral da Secretaría de Estado de Turismo, Eduardo Fernández Palomares, e a presidenta de CEFAPIT, Almudena Cencerrado, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na relevancia de apostar pola profesionalización e a formación continúa deste colectivo que está chamado a desenvolver “un importante papel” na vindeira celebración do Ano Santo. 

O encontro, no que se dan cita representantes de 27 asociacións que conforman a entidade e que dan voz a máis de 15.000 guías de turismo, celébrase por segunda ocasión en terras galegas, trala primeira asemblea celebrada en 2017. Así o lembrou a directora de Turismo de Galicia, quen aproveitou a súa participación para invitar aos profesionais de todo o Estado a vir a Galicia con motivo do Xacobeo 2021. Nava Castro destacou tamén que a celebración do Ano Santo “abre unha ventá de oportunidades para Galicia” que “deberemos aproveitar para a recuperación económica e emocional de Galicia e para relanzala como o destino turístico seguro, diverso e de calidade que é”. 

Cooperación co sector

Castro destacou o gran peso que teñen os Guías Turísticos na construción da imaxe de destino dos visitantes, polo que incidiu na aposta da Xunta pola profesionalización deste colectivo e pola súa formación continua, agora tamén en materia de seguridade sanitaria. 

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia lembrou a cooperación que a Xunta mantivo coa asociación galega de Guías Turísticos, APIT Galicia, desde o comezo da pandemia. Un apoio que se materializou na sinatura dun convenio por importe de 80.000 euros que serviu para a formación, implantación de manuais anticovid e desenvolvemento doutras actividades, entre as que se enmarca a celebración desta Asemblea Xeral. 

Ademais, para facilitar unhas visitas guiadas máis seguras, a Xunta tamén axudou a APIT Galicia a pór en marcha unha app-radioguía que facilitase aos usuarios a escoita da visita guiada a través do móbil, unha acción que se levou adiante a través dun convenio coa Asociación Galega de Turismo Rural (Agatur). Finalmente, desde o Goberno galego tamén se impulsou o programa Coñece en Galicia, en colaboración coas axencias de viaxes, co que se buscaba incrementar a contratación dos servizos dos guías turísticos profesionais por parte de aloxamentos turísticos e axencias de viaxes, contribuíndo así  á creación de paquetes turísticos máis completos e de calidade.

“Unha colaboración e apoio a este sector dos guías turísticos que continúa co no novo plan posto en marcha, con máis axudas directas e medidas de fomento do consumo para contribuír ao sostemento do tecido turístico galego e nomeadamente deste colectivo, e para axudar tamén na súa recuperación”, explicou Nava Castro, quen destacou a importancia de seguir traballando conxuntamente nunha aposta polo turismo de calidade, ordenado e sustentable, adaptado a esta nova realidade, e por tanto, seguro.