Cribado de detección da covid-19 entre os traballadores da hostalería


A Xunta realizará un cribado de detección da covid-19 entre os traballadores da hostalería e do turismo ao longo das próximas semanas. Así llo trasladaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Iguadalde, María Jesús Lorenzana, a representantes do sector durante unha nova reunión por videoconferencia que se inscribe nos contactos permanentes que se están mantendo para habilitar axudas e fixar os criterios de desescalada.

Tal e como explicou o vicepresidente primeiro, o obxectivo é facer un cribado entre o persoal da hostalería e dos establecementos hoteleiros que están abertos, en coordinación coas asociacións que representan ao sector, para dar “máis seguridade” a traballadores e tamén a clientela. O obxectivo é, polo tanto, “chegar á maior parte do persoal da hostalería que está traballando”, dentro da premisa de que “canta maior seguridade sanitaria, mellor”.

Cómpre recordar que desde o pasado venres a hostalería volveu abrir en Galicia, con distintas condicións en función da situación sanitaria da zona. Así,a hostalería pode abrir ata as 17,00 horas co 50% de aforo no exterior nas condicións máis restritivas, pero pode chegar ao 50% de aforo no interior e ao 75% no exterior no escenario menos restritivo actualmente vixente.

A hostalería é un dos sectores que está resultando máis afectado polas consecuencias da pandemia de coronavirus, polo que a Xunta habilitou un amplo abano de axudas para o sector, que se están axilizando ao máximo. De feito, o vicepresidente primeiro sinalou que xa están empezando a cobrarse as axudas da liña de autónomos, a primeira en convocarse, e que se agarda que en breve comecen a chegar as das outras liñas para que “os cartos cheguen cando máis se necesitan”.

Así, xa están activos o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector hostalería. En concreto, estas liñas están dirixidas a autónomas e autónomos con e sen persoal a cargo, a microempresas e autónomos con persoal contratado e a establecementos hostaleiros pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro. Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán chegar ata os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou que os establecementos hostaleiros ubicados nos concellos máis afectados co nivel máis alto de restrición -coa posibilidade de abrir soamente as terrazas ao 50% ata as 17,00 horas- poden seguir optando as axudas previstas nas tres liñas do Plan de rescate deseñado para apoiar a persoas autónomas, microempresas e, de xeito máis específico, ao sector hostaleiro. Neste último caso, a liña de axuda urxente aos establecementos pechados por normativa sanitaria adaptouse ás novas restricións e segue a contemplar como posibles beneficiarios aqueles empresarios hostaleiros a quen non se lle permita abrir o interior do local.

Ata o día de hoxe, a Xunta recibiu preto de 36.000 de solicitudes dalgunha das axudas do Plan de rescate, algo que, a xuízo de Lorenzana, reflicte o interese que estes apoios destinados a dotar de liquidez aos sectores económicos máis afectados pola pandemia, está suscitando. De ser necesario, a conselleira lembrou que a Xunta non descarta manter as axudas no próximo 2021.

Ademais, o sector da hostalería tamén ten xa á súa disposición unha convocatoria de axudas para financiar a instalación de terrazas e a adquisición de material para a recollida de comida ou envío a domicilio, ademais dunha liña de créditos con xuros baixos destinada aos sectores especialmente afectados.