Aprobado o Plan de Atención ao Peregrino para o Xacobeo 2021

O Plan de Atención ao Peregrino para o Xacobeo 2021 foi aprobado pola Comisión Galega de Protección Civil, presidida polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda. .

Como cada Xacobeo, ponse en marcha este Plan co obxectivo principal de proporcionar aos peregrinos que se acheguen a Galicia polas diferentes rutas xacobeas, unha atención continua “in situ” que poidan necesitar en aquelas situacións de emerxencia nas que precisen axuda. Un dos puntos fundamentais deste plan é a realización de patrullas do persoal de protección civil polos distintos camiños, de xeito que a atención dos peregrinos nos camiños estea garantida. 

Outra das accións fundamentais é prever os operativos de protección civil necesarios para facer fronte a actos onde exista unha previsión de grandes concentracións de persoas, de xeito que se dea cobertura aos asistentes e participantes nos diferentes actos e eventos que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia co gallo do Ano Santo 2021.

O PAP 2021 céntrase nas distintas rutas xacobeas que discorren polo territorio de Galicia e, polas súas especiais características, na cidade de Santiago de Compostela. Tamén se poderá estender ás grandes aglomeracións de persoas en diferentes actos ou eventos, de distinta tipoloxía, relacionados co Xacobeo en toda Galicia. A implantación do PAP 2021 territorialmente afecta a 138 concellos, repartidos polas catro provincias galegas por onde discorren as dez rutas xacobeas. O Plan de Atención ao Peregrino estará activado desde o día 1 de xaneiro de 2021 e así permanecerá ata o 31 de decembro de 2021.

Outra novidade ven a ser a constitución do Grupo de Traballo do PAP 2021,  este grupo de traballo o compoñen representantes da AXEGA, de Protección Civil, da SA de Xestión do Plan Xacobeo, do Concello de Santiago de Compostela, do Arcebispado de Santiago de Compostela, Forzas e corpos de seguridade, das agrupacións de voluntarios de Protección Civil. O plan prevé que se reunirán alomenos unha vez ao mes para intercambiar información e programar as actividades que garantan os obxectivos.  Deste xeito se asegura o seguimento das actuacións e a coordinación entre tódolos servizos que prestan apoio aos peregrinos no ámbito das súas competencias. Outro dos puntos novidosos deste PAP 2021 e a integración do informe de incidencias  vía web na operativa diaria dos grupos de protección civil de atención ao peregrino, de xeito que se terá información actualizada con periodicidade diaria.

Actualización e revisión de Plans de Emerxencias

Doutra banda, a Comisión Galega de Protección Civil revisou o Plan de Emerxencia Exterior do Polígono da Grela Bens, foi actualizado o Plan de Emerxencia Exterior de CEPSA Maside e o Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións. Ademais deuse  conta do informe sobre o proxecto de Breogan Park, na parcela do centro comercial Dolce Vita e a afección co Polígono da Grela Bens.

Na Comisión levouse a cabo tamén un resumo xeral de toda a planificación homologada dende a anterior Comisión como son o Plan de actuación municipal fronte ao risco de inundacións, contra incendios forestais e contra o risco de transporte de mercadorías perigosas e de rotura de presas en varios concellos galegos.