O C.R.D.O. Ribeira Sacra lanza unha campaña promocional para o Nadal


A D.O. Ribeira Sacra prepara a campaña a desenvolver en decembro e xaneiro, “Ribeira Sacra, o viño deste Nadal”. A iniciativa foi presentada na sede do C.R.D.O.R.S., por parte do Presidente, José Manuel Rodríguez e o representante da comisión de promoción da D.O., Víctor Manuel Rodríguez. 

Despois dun ano tan difícil do que o sector do viño non se librou, desde a D.O. Ribeira Sacra queren conseguir mellorar resultados cun importante esforzo promocional neste Nadal, “Buscamos que a xente brinde con viño da D.O. Ribeira Sacra nas reunión familiares deste Nadal, pode ser un bo momento para dar saída ao viño que este ano non se vendeu, principalmente polas restricións á restauración e hostalería. Queremos mellorar as vendas e para iso tentaremos chegar á xente con diferentes propostas nos medios e nas redes sociais,” sinala José Manuel Rodriguez. 

Así, O C.R.D.O.R.S. organizará catas virtuais impartidas por Mercedes González Rodríguez que se desenvolverán por streamig (Zoom, Youtube, Facebook, Instagram) os xoves 10 e 17 de decembro a partir das 19.00 horas.

De que che gusta acompañar o teu Ribeira Sacra? Concurso de fotografías que comezou o 1 de decembro en Facebook e que se prolongará ata o 15 de decembro. Durante a primeira quincena de mes a D.O. Ribeira Sacra quere coñecer de que lle gusta acompañar os seu viños ao consumidor, unha comida especial, unha persona, unha película, unha paisaxe, un lugar, unha afección,…

As fotografías, que se enviarán por Whatsapp ao teléfono 647 59 57 47, deben incluír, como único requisito, unha botella dun viño da D.O. Ribeira Sacra e o acompañamento preferido para ese viño. As 3 fotos que máis “Me gusta” reciban en Facebook obterán premios vinculados ao viño e ao enoturismo. O mércores, 16 de decembro, publicaranse os gañadores. 

Vídeos de brinde de felicitación das adegas para amosar a unidade do sector e confianza nun futuro mellor nestas datas tan significativas. “Nos momentos nos que estamos, queremos trasladar unha imaxe de unión, de compartir traballo, esforzos e esperanza. Cando a cercanía parece prohibida, faise fundamental xerar confianza e cercanía e a forma que escollemos, é poñerlle cara ás adegas,” destacaba José Manuel Rodríguez. O obxectivo é ter presencia dos viños da D.O. en redes sociais durante todo decembro e ata pasado o Nadal. 

Presencia en medios de comunicación. Para reforzar a mensaxe, Que Ribeira Sacra sexa o viño deste Nadal, ademais da presencia en redes, será fundamental tamén a presencia nos medios tanto a nivel informativo como publicitario. Ademais das informacións puntuais de cada actividade, realizouse un especial en La Región e colabórase coa campaña do Grupo El Progreso, “Cocina de olas, cocina de tierra, cocina de todos”.

O maior esforzo, este Nadal, vaise facer para ter presencia en Onda Cero, TVG e na Radio Galega, será a primeira vez que os viños da D.O. Ribeira Sacra teñan presencia nun anuncio en televisión.