A Ruta da camelia como desestacionalizador da oferta turística


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á inauguración dunha obra escultórica sobre a camelia e o Camiño de Santiago do escultor vedrés Cándido Pazos, de quen destacou a súa contribución para realzar o papel do concello na Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia e na difusión da tradición xacobea a través de moitas das súas esculturas.

Na súa visita a Vedra, Alfonso Rueda sinalou que o concello conta no pazo de Santa Cruz de Rivadulla cun dos 12 parques da Ruta da Camelia, que ao mesmo tempo é un dos 5 Xardíns de Excelencia Internacional da Camelia. Nesta liña, incidiu na importancia deste itinerario por parques, xardíns e pazos de distintas localidades galegas para promocionar un recurso turístico único en Galicia como reclamo fóra da tempada alta co que, por tanto, desestacionalizar o turismo. 

Ademais, trátase dun produto diferenciador e símbolo de identidade de Galicia que axuda a poñer en valor o patrimonio natural e botánico da comunidade, e se converte en fío condutor para descubrir tamén o patrimonio histórico, cultural, artístico e mesmo enogastronómico. Para o vicepresidente primeiro da Xunta supón unha experiencia que reúne os elementos nos que se sustenta o modelo turístico galego e que son cada vez máis demandados polos turistas na actual situación marcada pola covid-19, é dicir, espazos naturais abertos e non masificados. 

Ademais, lembrou o traballo levado a cabo pola Xunta nos últimos anos para conseguir unha sinalización turística propia para este circuíto e a súa regulación este ano coa constitución do Comité Camelia Galicia co obxectivo de velar pola calidade dos xardíns e avaliar a posible incorporación de novos espazos. Deste xeito, avogou por aproveitar o feito de ter na comunidade este produto exclusivo, ao ser o único destino en Europa con tanta variedade de camelias, ademais de albergar algunhas das máis antigas. 

Alfonso Rueda tamén apelou en Vedra, concello polo que pasan o Camiño do Inverno e a Vía da Prata, á implicación dos municipios na organización do mellor dos Xacobeos posibles que, pese á covid-19, manterá o seu esplendor con actividades máis pegadas ao terreo e descentralizadas por toda a xeografía galega. 

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén visitou a ruta e a área de interpretación dos muíños do municipio para uso de veciños, turistas e peregrinos. A Xunta colabora co concello de Vedra no acondicionamento deste itinerario, no marco da liña destinada á mellora das infraestruturas turísticas no medio rural co obxectivo de consolidar o turismo desas zonas mediante a posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. 

A Administración autonómica apoiou este ano actuacións de mellora sobre as infraestruturas turísticas no medio rural que supuxeron un investimento de preto de 3,1 millóns de euros e que permitiron levar adiante 135 actuacións de sinalización, accesibilidade ou embelecemento de recursos turísticos.