A Deputaciónh e o Concello da Coruña editan un libro sobre a historia do Teresa Herrera


A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación do libro '75 aniversario Teresa Herrera de Fútbol', unha publicación editada pola Deputación e o Concello da Coruña que repasa en 358 páxinas e centos de fotografías a historia do veterano torneo coruñés.

No acto estiveron presentes o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, o presidente do Real Club Deportivo da Coruña, Fernando Vidal, o vicepresidente provincial, Xosé Regueira e os concelleiros Juan Ignacio Borrego e Mónica Martínez.

O libro fai un percorrido por todas as edicións do torneo a través de datos de cada unha das finais, con aliñacións, resultado dos partidos, goleadores e fotos do torneo masculino, ademais da do feminino a partir da edición número 68 (ano 2013), cun apartado de fotos que reflicte momentos inesquecibles do trofeo.

Ademais, a obra tamén inclúe artigos nos que se contan vivencias de persoas vencelladas ao Teresa Herrera, como o de Emilio Quesada, exconcelleiro e membro da organización dalgunhas das edicións dos anos setenta; Cristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Universidade da Coruña; Nacho Carretero, xornalista e escritor; Lis Franco, Moncho Viñas., Manuel González e Antón Luaces, xornalistas; Inma Castañón, exxogadora do club coruñés Karbo; Miriam Ríos, xogadora en activo; Joaquín Pedrido, xornalista e Xosé A. Touriñán, actor, entre outros.

O libro conta tamén cun apartado para o estadio de Riazor, que cumpre tamén 75 anos, a través dun álbum fotográfico que aporta imaxes inéditas da súa construción e outras que permiten apreciar a evolución experimentada co paso do tempo polo fogar do fútbol coruñés.

Valentín González Formoso destacou que "máis que un torneo de verán, o Teresa Herrera é toda unha institución, unha tradición coruñesa e unha cita obrigada para os fieis seguidores do RC Deportivo e para os miles de afeccionados ao fútbol de toda a provincia", afirmou.

"O Dépor é un motivo de orgullo para a provincia da Coruña e parte da súa historia vén plasmada neste libro a través de artigos de numerosos colaboradores e de imaxes que repasan os 75 anos do Teresa Herrera", apuntou o presidente provincial, que agradeceu a colaboración dos articulistas e fotógrafos que colaboraron na publicación.

Pola súa banda, a alcaldesa Inés Rey sostivo que o Teresa Herrera ten sido "un mundial de clubs oficioso" no que participaron algúns dos mellores futbolistas e equipos do mundo, algúns deles coruñeses coma Luis Suárez ou Amancio.

A alcaldesa destacou tamén a dimensión "de celebración colectiva e familiar" que ten o torneo, atraendo xente de Bergantiños, Costa da Morte, As Mariñas e moitos outros puntos da provincia para gozar dunha tarde de fútbol.

O trofeo Teresa Herrera naceu como resposta ás necesidades sociais que se vivían na cidade na posguerra na que estaba inmerso o país. Para paliar as penurias dos cidadáns, a Corporación municipal deu un paso adiante e ideou unha competición futbolística que poría os piares do que hoxe é una cita ineludible, tanto para os coruñeses como para todos os que visitan a cidade no verán.

O nome do trofeo débese a Teresa Herrera, muller devota e entregada aos máis necesitados, que pasou á posteridade sen nin sequera sospeitalo cando loitaba porque se construíra un hospital para todos os pobres da cidade. Nada en 1712 nunha familia humilde, quedou sen pai con catro anos e tivo que axudar á súa nai no mantemento da familia, o que lle impediu recibir formación académica. 

Ao morrer a nai tivo que facerse cargo de dúas irmás o que non lle supuxo problema para dedicar o seu esforzo aos máis desfavorecidos. Aínda que morreu sen ver cumprido o seu sono de abrir un hospital para os pobres, o recoñecemento da súa obra chega ata hoxe, xa que o hospital materno-infantil leva o seu nome, así como unha rúa da cidade e o trofeo de fútbol.