A Coruña celebrará o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán polo seu centenario

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde, presentaron o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, unha iniciativa apoiada polo Goberno autonómico que reunirá en setembro na Coruña a preto dun centenar de especialistas na autora. 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a “oportunidade excepcional” que suporá a celebración deste congreso na cidade natal de Pardo Bazán para seguir avanzando no coñecemento da súa obra desde un punto de vista transversal. Neste sentido, salientou o carácter sobranceiro da produción da autora, precursora do feminismo e da loita pola igualdade. Fixo referencia especial, ademais, ao seu papel como a primeira intelectual que se ocupou de estudar a literatura galega, algo que será analizado no congreso.

“Emilia Pardo Bazán era unha intelectual única, que deixou un enorme legado que é digno de seguir sendo estudando para que perdure no tempo”, indicou recordando a aposta da Xunta de Galicia para divulgar e protexer a súa produción literaria colaborando coas distintas iniciativas que xorden ao redor da escritora. Neste sentido, recordou que está aberto o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca da autora, pola que xa están protexidos 10.855 volumes que están custodiados tanto na sede da Real Academia Galega (RAG) en A Coruña como no Pazo de Meirás. Referiuse, ademais, á exposición que se realizará sobre a escritora en 2021 en colaboración coa Biblioteca Nacional de España.

Centenario da autora

O Congreso Literatura e vida nos séculos XIX, XX y XXI, está organizado por investigadores das tres universidades galegas e pola Real Academia Galega, agrupados nos grupos de investigación: Pardo Bazán (USC), La Tribuna (RAG), DILEC (UDC) HISPANIA (UDC) e LITECOM (UDC), así polo programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios (UVigo e UDC). Este congreso está coordinado polo catedrático José María Paz Gago e conta coa co-dirección científica das docentes e investigadoras Cristina Patiño (USC) e Pilar Couto (UDC).  Celebrarase en setembro de 2021 e está prevista a participación de preto dun centenar de especialistas que analizarán a vida e obra da autora de xeito multidisciplinar, tanto desde perspectivas historicistas como filolóxicas e críticas. 

Aprovéitase o centenario do pasamento da autora para achegarlle a figura de Pardo Bazán ao lector actual. A autora estudou todas as realidades sociais e individuais, humanas e artísticas, que serán abordadas en profundidade no congreso; tamén a educación, particularmente da muller; o teatro e o cinema, as tendencias estéticas, os inventos técnicos, ou a ópera serán parte dos asuntos que se tratarán.