0s “Retos do turismo na era Covid” na III xornada TurisTIC


A primeira mesa redonda da III xornada TurisTIC versou sobre 0s “Retos do turismo na era Covid” e contou coa participación de Kin Martínez, CEO de Esmerarte e presidente da Federación da Música de España; Lucía Freitas, chef e propietaria do restaurante A Tafona (con Estrela Michelín); Marían Gómez Alonso, xerente e propietaria de Casa A Pedreira; e Ana Trevisani, directora da Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos (OPC) de Galicia.

Kin Martínez incidiu en que “é fundamental estar máis unidos que nunca e armar un plan, sen barreiras sectoriais e políticas. Ten que haber aperturismo, colaboración e coordinación por riba de todo”. Como estratexia para mellorar o rendemento da experiencia turística avoga por “paquetizar” produtos. “Ten que ofertarse unha experiencia completa, segura e atractiva. Se os sectores, empresas e institucións traballamos co mesmo discurso sairemos reforzados”, asegura. 

Trevisani admite que a pandemia “foi un cambio radical que nos noqueou, pero hai que reinventarse e adaptarse con novos códigos e formas”. Neste sentido explica que a situación serviu para unir e coordinar máis ao sector da organización de eventos. “Hoteis, recintos feriais, pazos de congresos e OPC mantivemos conversas, creamos platós virtuais para que os clientes se comunicasen co público, vía virtual ou híbrida, e aquí somos referentes nesta experiencia”. 

Marián Gómez reflexionou sobre o feito de que a pandemia acelerou a dixitalización e mudou hábitos. “A nivel de check-in e outras xestións xa case nin se tocan os papeis”, comenta, para advertir de que “é imprescindible apostar pola innovación e traballar nas plataformas on line para atraer ao público”. “Debemos crear sinerxias e produtos potentes para que a xente vexa que o turismo é seguro”. Lucía Freitas expuxo que a situación obrigou a cambiar formatos na restauración e propiciou a implantación de novas fórmulas para manter a conexión co público. “É un bo exercicio reciclarse e intentar variar a oferta para estar na mente dos clientes, nunca deixar de pensar en positivo e abrir novas liñas de negocio”. 

A Xornada, organizada pola Deputación de Pontevedra, celebrada en formato on line, con recoñecidas e recoñecidos participantes e representación paritaria de mulleres e homes, consolídase como referente no debate sobre a situación actual do sector turístico e a súa recuperación a través do uso das novas tecnoloxías. Estivo moderada pola xornalista Yolanda Vázquez, foi seguida por máis de 1.100 persoas ao través da canle de Youtube e das redes sociais da Deputación, conseguindo unha media de visualización de ate 57 minutos por persoa. Nunha intensa mañá de intercambio de ideas trazáronse os retos, tendencias e oportunidades de futuro, que pasan por un turismo intelixente no que a sostibilidade será fundamental, e pola dixitalización plena do sector para chegar con máis eficacia ás viaxeiras e viaxeiros e ofrecer mellores servizos a través das novas tecnoloxías. No novo escenario tamén resultan imprescindibles as sinerxias e a transversalidade para ofertar paquetes de produtos entre distintos axentes e segmentos da cadea turística; coordinación das entidades públicas e privadas e, nesta liña, as alianzas para innovar e optar aos importantes recursos europeos destinados á recuperación da economía.

O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, puxo o foco en que o sector turístico debe contar “con independencia tecnolóxica, e non estar en mans das grandes empresas comercializadoras”. Del Corral remarca que a pandemia, pese ao seu impacto, tamén abriu “unha fiestra de oportunidade” a través das alianzas, os fondos europeos e a colaboración. “Desde o Clúster TIC daremos todo o noso apoio e cooperación. Hai que apostar por crear proxectos ambiciosos, coas tecnoloxías e servizos correctos.

É preciso que os axentes, o sector, se agrupe, e estar tamén moi atentos ao 5G”. Neste sentido, plantexa a idea de que cada empresa conte co seu propio servizo de intelixencia artificial, o que lles permitiría ser máis competitivas. “Quizáis non o poden facer de maneira individual, pero si uníndose”, expuxo Del Corral, quen cita tendencias surxidas durante a pandemia nas que as empresas se dirixen dunha forma aberta e directa ante o seu público a través de vídeos ou outros formatos na súa web. “Isto confírelles un factor de autenticidade e chegan mellor ás usuarias e usuarios: empresas que o empregaron multiplicaron por catro as súas ventas”, sintetizou, para resaltar a importancia de “chegar aos móbiles, porque aí está o 80% da compra, e para iso requírese unha infraestrutura que permita ás empresas enviar a súa propia mensaxe”. 

A directora de Innovación, Educación e Investimentos da Organización Mundial de Turismo (OMT), Natalia Bayona, e fixo fincapé en que “a innovación e a sustentabilidade teñen que estar unidas se queremos un turismo máis impactante”. Bayona explicou que “os retos que existían antes da Covid-19 son os mesmos que hoxe, pero aceleráronse”. A estratexia para un sector forte no futuro que ademais apoie ás partes máis vulnerables como o turismo rural, persoas emprendedoras ou autónomas, pasa pola “sustentabilidade, a tecnoloxía, a educación dixital, e a promoción de investimentos verdes e sustentables”.