Vigo exime á hostalería de pagar o recibos da auga, do lixo e do vao comercial


O Concello de Vigo implementará novas axudas á hostalaría volvendo aplicar exencións dalgunhas taxas e impostos durante o tempo que os locais permanezan inactivos por decreto da Xunta. Deste xeito, os titulares destes negocios non pagarán nin auga, nin vao comercial, nin lixo durante o tempo que permanezan pechados, desconto que se aplicará no próximo recibo, dado que o padrón fiscal deste ano xa está liquidado. A repercusión para as arcas públicas destas bonificacións están aínda a ser estudadas pero o rexedor xa avanzou que rondará o millón de euros.

A esta cantidade hai que sumar os tres millóns que supoñen a taxa cero de terrazas este 2020 -cando se ampliaron moito os espazos exteriores dos locais -, unha cifra que se eleva a 25 millóns facendo un cálculo desde que se puxera en marcha, no ano 2008. Por tanto, resumiu, o apoio do goberno local á hostalaría da cidade será superior aos 5 millóns de euros este ano, dado que na primeira onda da pandemia, o Concello xa fixo exencións nos recibos do lixo, da agua e do vao comercial durante o tempo que durou o estado de alarma.

Ademais, o Concello mantén vixentes bonificacións en varios impostos na apertura de negocios para favorecer as a actividades de nova implantación, a autónomos e pequenas e medianas empresas. A taxa de actividade e instalacións está bonificada ao 100% para locais de ata 150m2; tamén está bonificada na súa totalidade a taxa de licenzas de obras de adaptación de locais e actividades e, finalmente, o ICIO (imposto de construcións vinculado a obras de adaptación) tamén ten unha rebaixa do 100%.

Caballero enfatizou en rolda de prensa que a única administración competente nesta materia é a Xunta de Galicia, tal e como recolle o artigo 30º 1.4 do Estatuto de Autonomía que outorga á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de comercio interior: “Comercio interior, defensa do consumidor e do usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia”. Neste sentido afeou á Xunta que non se faga cargo das correspondentes indemnización á hostalaría cando recibiu 750 millóns para atender a caída da economía que estamos a sofrir nestes momentos. Cualificou de “etéreo e difuso” o anuncio do presidente da Xunta de achegar un millón de euros ao sector de Vigo, cando o goberno local -sen competencias -adica cinco millóns. Ademais, recordou que o Concello é o que enche locais en tantos momentos do ano coa promoción e mobilización do turismo con accións como o Nadal, o Marisquiño, entre outros moitos eventos.

f_ xornal.vigo.org/