"Reinventar o presente", a construción dun novo modelo de turismo máis resiliente e dixital

En decembro, en liña coas novas iniciativas para apoiar ao sector turístico e á súa cadea de valor, os días 17 e 18 terá lugar a xornada “Reinventar o presente”, promovida polo Clúster de Turismo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, na que se debaterá “sobre a construción dun novo modelo de turismo máis resiliente e dixital”. 

O evento terá lugar dende o Pazo provincial de Pontevedra e de xeito telemático, “cun título –asegurou a presidenta Carmela Silva- que marca a folla de ruta do que hai que facer e no que se vai debater sobre a construción dun novo modelo de turismo máis resiliente e dixital”. 

Silva destacou que esta iniciativa, que impulsa o Clúster de Turismo en colaboración coa institución provincial, centrarase tamén  “na necesidade de reinventar o sector turístico, un sector que xera moito emprego e riqueza na provincia de Pontevedra, Galicia e no conxunto do Estado”. Para elo, durante o encontro sinalaranse “as dificultades e tamén as oportunidades que poden xurdir desta crise, afondando na transformación dixital, no talento e na importancia do dato na estratexia empresarial”. 

O presidente do Clúster do Turismo, César Pardal, que manifestou a súa preocupación “polo sector turístico, por manter vivo o tecido empresarial”, destacou que “o turismo está cambiando e estamos forzadas e forzados a reinventar o presente, apostando por planificar, por converternos nun destino seguro e transmitir confianza”.

 Ao respecto, Pardal, que tamén reivindicou “a necesidade de impulsar unha acción conxunta de todas as administracións públicas e privadas para evitar un desastre”, destacou que a xornada servirá para “analizar as oportunidades do turismo na era dixital, a curto prazo e adaptarse a tempos de incerteza”. 

Deste xeito durante os dous días de xornada haberá tres eixos temáticos de intervencións nos que se achegarán diferentes visións de actores públicos e privados centradas no turismo en tempos de covid, no talento dixital no novo turismo e na economía do dato tanto para os destinos como para as empresas turísticas.