Recuperan un canón de bronce do século XVI na enseada de Mugardos



A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, supervisou hoxe en Ferrol a actuación levada na enseada de Mugardos para recuperar un canón de bronce do século XVI. Trátase dunha intervención na que o Goberno galego colabora coa Armada Española e que permite rescatar e documentar unha importante peza do patrimonio arqueolóxico subacuático que podía correr risco de espolio. 

Así, durante a xornada de hoxe, membros da Unidade de Buceo de Ferrol, nun equipo liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio, desprazáronse ata o punto no que se atopaba o canón, unha peza afundida desde antes de 1579 cuxa orixe máis probable sinala a un naufraxio dunha embarcación ou que se guindasen pola borda pezas de grande peso pasa evitar un afundimento. 

O canón de bronce, así como o total dos elementos extraídos hoxe, serán trasladados ao Museo Naval de Ferrol, onde serán restaurados para, posteriormente, ser expostos dado o seu importante interese. 

Na visita a unidade militar de Ferrol, a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a importancia destes traballos que permiten “salvagardar a integridade dun ben do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia”, así como, tal e como engadiu, “contribuír á protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio subacuático”. 

Nesta mesma liña, lembrou que esta actuación intégrase dentro dun proxecto desenvolvido en colaboración coa Armada Española e no cal tamén se enmarca a intervención levada a cabo durante tres semanas no pecio San Giacomo de Ribadeo, rematada o pasado venres despois de localizar elementos de especial relevancia como unha cureña naval, unha gran cantidade de munición de pedra e ferro e varias pezas de cerámica.