García Porto subliñou que “dende a Deputación coñecemos as posibilidades e o potencial de desenvolvemento social e económico da nosa provincia, e así o amosamos con diferentes proxectos que levamos adiante para aproveitar esas oportunidades. Neste sentido, un dos sectores máis importantes cos que contamos en Lugo é o primario, o da agroalimentación, e, concretamente, o da apicultura”.
Neste senso, a voceira socialista destacou que coa mellora e reforma do Centro de Apicultura de Teixeiro “poñemos en valor a nosa materia prima e un produto autóctono de primeira calidade como o mel, traballado polos milleiros de produtores da provincia, ao tempo que renovamos as instalacións dun edificio público de titularidade provincial”.
A voceira socialista do Goberno incidiu en que con todas estas actuacións a Deputación busca poñer en valor o Centro de Apicultura de Teixeiro e potenciar as actividades que se viñan desenvolvendo, coa colaboración da Asociación Provincial Lucense de Apicultores. “Ata a achegada da crise sanitaria provocada pola Covid-19, no centro celebrábanse obradoiros de formación, charlas, coloquios e máis actividades relacionadas co mel para todos os veciños e veciñas interesados. Ademais de producirse mel nas 25 colmeas coas que conta o recinto”, afirmou Pilar García Porto.